Por Alberto Quian | Madrid | 21/05/2020 | Actualizada ás 22:00
A lingua galega está a perder peso en Internet. Segue no longo grupo de idiomas que representan menos do 0,1 % dos contidos na Rede e atópase en caída. En concreto, os sitios web en galego son só agora o 0,0037 % do total da Rede, o que coloca a nosa lingua no posto 61 no mundo. Perde nada menos que 12 postos respecto ao ano 2017, cando se atopaba no 49 e representaba o 0,01 % do total de contidos web.
A caída foi estrepitosa no último ano. En maio de 2019, o galego estaba no 0,0095 % dos sitios web (mesma porcentaxe que a finais de 2015), manténdose preto da cota obtida dous anos antes. Porén, en só doce meses caeu até ese 0,0037 % que a sitúa nos peores valores que coñeceu nos últimos anos, segundo datos estimados de W3Techs, división de Q-Success Web-based Services que actualiza a diario estatísticas da Rede a partir dos metadatos recollidos dos dez millóns de sitios web máis populares do mundo.
Os datos actuais sitúan o galego lonxe das cotas acadadas en 2013, por exemplo, cando o seu peso estaba preto do 0,015 %. Ese ano, até maio de 2014, a lingua galega viviu otra forte caída, até o 0,0075 %, pero a curva foi logo ascendente e o seu peso na Rede foi crecendo e estabilizándose preto do 0,01 %, até este último ano, no que se precipitou até tocar fondo, co peor valor nos últimos sete anos.
En maio de 2013, os sitios web en galego representaban o 0,015 % do total no mundo; hoxe tan só son o 0,0037 %, segundo cálculos estimados
Entre maio de 2013 e 2014, a porcentaxe do uso do galego reducírase nada menos que á metade, segundo datos estimados de w3techs.com, pasando de case o 0,015 % do total de contidos web no mundo a apenas un 0,0075 % un ano despois. Unha caída dramática que se freou e logo se conseguiu remontar, até acadar a maior porcentaxe dende setembro de 2013, aumentando a súa penetración en Internet até o 0,01 % en 2017.
A continuación mostramos, por orde, as gráficas de evolución de sitios web en galego para os períodos maio 2019-maio 2020, maio 2016-maio 2017, decembro 2014-decembro 2015 e maio 2013-maio 2014.
Tendo en conta que actualmente hai uns 1.772 millóns de sitios web no mundo a día de hoxe, segundo internetlivestats.com, podería haber arredor de 65.000 en galego (datos estimados), isto é, case a metade dos calculados en 2017, cando había uns 1.200 millóns de sitios en Internet e estimábase que deles un 0,01 % usaban a lingua propia de Galicia.
Entre as linguas cooficiais no Estado, a catalá é a que goza de mellor saúde en Internet, no posto 39 no mundo, con preto do 0,05 % dos sitios web; o éuscaro tamén supera o galego, ocupando o posto 46, con case o 0,013 %
Das tres linguas cooficiais no Estado español, a galega segue perdendo peso tamén respecto ao catalán e o éuscaro. De feito, a lingua vasca xa superara a galega en 2017: a finais de 2015, o éuscaro non chegaba ao 0,007 % do total de sitios web no mundo, ocupando o posto 52; en 2017 atopábase no 46, con case o 0,013 %; no último ano, tamén perdeu peso e postos, até o 53, ocupando o 0,0075 % de sitios web no mundo, o que o mantén por riba do galego, co dobre de porcentaxe.
O catalán segue sendo destes tres idiomas o que goza de mellor saúde. Atópase no posto 39 no mundo, con preto do 0,05 % dos contidos web e multiplica practicamente por 12 a presenza do galego en sitios web. Con todo, a lingua catalá tamén perdeu peso na Rede no último ano, caendo dun pouco máis do 0,1 % a un chisco menos do 0,05 %. Actualmente sitúase no posto 40 no mundo, dous por debaixo do que ocupaba en 2017, cando se situaba entre o grupo de 38 idiomas que superan o 0,1 %.
Mentres, o castelán é a terceira lingua con máis uso en sitios web, co 4 %, por detrás do ruso, que está presente no 8,6 %, e do inglés, que domina Internet de xeito case esmagador, cun 59,6 %. Precisamente, estes dous últimos idiomas son os que máis incrementaron o seu peso en Internet no último ano: un 2,6 % o ruso e un 5,6 % o inglés (o español, por exemplo, perdeu un punto porcentual).
No caso da lingua irmá portuguesa, tamén retrocedeu estes últimos doce meses, pasando do 2,9 % ao 2 %, e ocupa o noveno posto.
A GALIPEDIA TAMÉN PERDE PESO NO UNIVERSO ‘WIKIPEDISTA’
A perda de peso que reflicte W3Techs para o galego nos sitios web ten correspondencia na caída da Galipedia na clasificación de Wikipedias por idiomas, aínda que a caída porcentual é máis leve.
A Viquipèdia en català ten catro veces máis entradas que a Galipedia e a Euskarazko Wikipedia, máis do dobre que a galega
Se en 2017 a versión galega da enciclopedia libre ocupaba o posto 47 entre 296 linguas, por número de artigos publicados, con 139.094 artigos publicados en galego a 16 de maio daquel ano, é dicir, o 0,3109 % do total de páxinas de contido publicadas na Wikipedia (44.735.293), agora ocupa o posto 50, con 165.085 artigos a día de hoxe, que representan o 0,3089 % do total (53.431.755).
A lingua galega segue tamén moi por debaixo do catalán e o éuscaro no universo wikipedista. A Viquipèdia en català suma xa 647.393 entradas publicadas (case catro veces máis que a galega) e a Euskarazko Wikipedia, 359.225 (máis do dobre que a Galipedia).
PUNTOGAL
Se nos fixamos nos sitios web co dominio propio de Galicia, o .gal (PuntoGAL), o identificador do país suma 5.249 sitios, que representan o 0,02 % do total de dominios rexistrados, segundo datos de NTLDstats.com. Destes, 2.255 son dominios .gal ‘parqueados’ ou sen contido, é dicir, o 41,58 % (coñecidos como domain parked en inglés, son dominios diferentes ou alternativos que apuntan ao sitio web principal).
O .gal é o que menos creceu entre todos os novos dominios creados para linguas e culturas europeas, aprobados no seu día pola ICANN nun período similar. Así, o .scot (para a lingua e cultura escocesas) son xa 11.929 dominios; o .cymru (para a lingua e cultura galesas), 7.579; o .bzh (para a lingua e cultura bretonas), 9.146, e o .eus (para a lingua e cultura éuscaras) ten 10.796, segundo datos de NTLDstats.com a día de hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.