Coma os vascos

Un cambio de ano representa unha ocasión propicia para compartir desexos e propósitos. Dalgún xeito, damos a esta alteración de díxito no calendario o valor de renovación celular que implica o comezo dun ciclo novo, mesmo cando sabemos que os ciclos non adoitan coincidir co natural encadeamento dun ano tras outro.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 03/01/2013

Comparte esta noticia
Que poderiamos solicitar os galegos a este novo calendario que se abre perante de nós? Como pedir é gratis, e velaí o Apalpador, o Papa Noel ou os Reis Magos de Oriente para testemuñalo, eu vou pedir sermos coma os vascos. En que sentido?, habería que especificar. En atención á extensión do artigo, limitarémonos ó eido económico. Vexamos. 
 
Segundo a Enquisa de Poboación Activa, en Euskadi o paro é do 15% fronte ó 20% de Galicia aínda que en Galicia temos unha taxa de ocupación inferior á do País Vasco, 55% contra 57%. Ítem máis: os galegos emigramos nunha proporción moi superior á dos vascos, o que en boa lóxia habería “aliviar” as nosas cifras de desemprego. Mentres que a emigración interior amosa números proporcionais nas dúas Comunidades Autónomas, as diferenzas dispáranse cando miramos a emigración exterior. Así, en 2011 segundo o INE, 6.985 persoas con nacionalidade española marcharon de Galicia cara ó estranxeiro, un fenómeno que nada máis se deu 1.676 veces no País Vasco. As cifras son normalmente frías. As que se amosan neste parágrafo veñen a significar, basicamente, que a economía vasca é capaz de dar traballo ós seus cidadáns mentres en Galicia a única alternativa semella ser a emigración.
 
Gustaríame tamén sermos coma os vascos no posicionamento das nosas empresas. Fixádevos: segundo o “2012 EU Industrial R&D Investment Scoreboard”, un terzo das 25 compañías españolas máis innovadoras son vascas. No top 1000 de empresas europeas por volume investidor en I+D, figuran cinco empresas vascas; galegas, so unha, Pescanova, ó tempo que perdemos importantes iniciativas como Zeltia ou Comunitel. Euskadi conseguiu reter e mesmo desenvolver a súa principal empresa enerxética, Iberdrola, mentres nós perdemos a nosa, Fenosa, que despois nin sequera fomos quen de recuperarmos por mor de intrigas internas de reparto de poder. 
 
Comparemos o sistema financeiro: O principal banco vasco, o BBVA, segue a medrar dende a súa sede en Bilbao, e as súas Caixas de Aforros, solventes e vizosas, deron lugar a Kutxbank, un novo banco vasco con grande capacidade para contribuír ó crecemento da economía euskalduna. En Galicia, o sector financeiro autóctono chimpou polos aires en cuestión de meses tras anos de tolemia e falta de control. 
 
E así podemos continuar a senda da comparación: o sector forestal vasco desenvólvese sen sufrir o andazo do eucalipto; a industria recibe enerxía sen a necesidade de inzar os ríos de minicentrais; o esforzo urbanístico en torno ó Guggenheim parte dun concepto e un obxectivo de rendemento evidente; a cultura e idiomas vascos reciben o apoio e soporte institucional e social que lles permite a súa conservación e progresiva expansión, etc. 
 
Cambiamos de ano. Propoño tentar tamén cambiar de modelo. Velaí temos o vasco como referencia e alternativa. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego