Máscaras no mar e máis plástico nas compras: a ameaza contaminante da Covid-19

"Estamos dando pasos cara atrás", lamentan as asociacións ecoloxistas. No medio da crise, a industria presiona para retrasar a normativa europea de plásticos dun só uso; moitas plantas de reciclaxe deixan de seleccionar os residuos; e a cidadanía, baixo unha sensación de falsa seguridade, regresa á cultura do 'usar e tirar'. Seguímonos "comendo o planeta".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Volve o plástico a canda a crise da Covid-19. A sensación dos colectivos ecoloxistas é a de que "estamos dando pasos cara atrás" na loita contra a contaminación e na defensa do medio ambiente. Baixo unha falsa seguridade, os plásticos dun só uso volveron aparecer con máis forza no noso día a día: cando imos facer a compra e optamos outra vez por bolsas de plástico, cando mercamos a froita envasada porque cremos que hai menos posibilidades de contaxio, cando utilizamos guantes no canto de lavar as mans...

Froita envolta en plástico.
Froita envolta en plástico.

Os plásticos tamén regresaron en forma de máscaras, mamparas e doutro tipo de material sanitario e de protección que se converteron en produtos fundamentais para deter o virus e que son extremadamente valorados, pero para cuxa xestión non estamos preparados. A crise é transitoria, mais os plásticos quedan por anos e anos entre nós. Cómpre non baixar a garda, advirten as asociacións ecoloxistas.

LUVAS E MÁSCARAS NO MAR

Hai poucos datos ao redor do incremento de residuos de plástico nos fogares - ningún en Galicia -, pero a nivel estatal sábese que ao cubo amarelo están chegando un 15% máis de envases; que as toalliñas húmidas aumentaron a súa venda case un 50% e que os residuos sanitarios se incrementaron un 300% en Madrid e un 350% en Cataluña. Esta crise "sobrepasounos" e evidenciou o problema: "Se xa antes non eramos capaces de xestionar os nosos residuos convenientemente, moito menos agora", fala Julio Barea, responsable de residuos de Greenpeace

Moitas luvas e máscaras acaban arroxadas á vía pública ou ao medio natural, e de aí, o único camiño que lles queda é o de seren transportados polo vento ou por torrentes de auga ata os mares e os océanos, que "cada ano acumulan nove millóns de plástico", lembra a responsable da área de recursos naturais de Amigos da Terra, María Durán, que augura que esta cifra se verá moi aumentada cos residuos derivados da Covid. De feito, este tipo de materiais xa se están atopando nos mares de moitos países. Fronte ás accións irrespectuosas co medio ambiente, Roma, por exemplo, vén de aprobar unha ordenanza que establece multas de entre 25 e 500 euros para quen tire estes produtos na rúa. Con algo de sorte, máscaras e guantes acaban no contedor verde xenérico - o único correcto para estes residuos dado que non son reciclables -, pero a fin destoutro camiño tampouco é sostible ambientalmente: ou rematan enterrados en vertedoiros ou queimados en incineradoras. 

Unha máscara tirada no mar
Unha máscara tirada no mar | Fonte: diarioecología

DESCENSO DO NIVEL DE RECICLAXE EN PLANTAS

Debido ao parón xeral que provocou a Covid-19, estímase que a redución media de residuos ronda un 10% ou 15% a nivel estatal polo cese da hostalaría. Con todo, o consumo de plásticos está aumentando nos fogares. A través das nosas compras xeramos todo un cúmulo de residuos que, logo de depositar nos contedores amarelos, van parar ás plantas de reciclaxe. Mais estas non están funcionando con normalidade neste contexto. Naquelas onde a separación selectiva non é mecánica, paralizouse a triaxe para evitar o contaxio entre traballadores. "Isto provoca que unha vez que os residuos plásticos do contedor amarelo chegan á planta van directamente a vertedoiros ou incineradoras. Outra das evidencias que falan do fracaso do modelo no que estamos instalados", denuncia María Durán.

Partindo de que o Estado español xa seleccionaba "moi pouco" con anterioridade a esta crise en comparación con outros moitos países de Europa, nestes dous meses "produciuse un aumento de toneladas de residuos que poderían terse seleccionado e que acabaron indo a onde non queriamos", explica Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción, que critica que "todo o mundo pecha os ollos" perante esta realidade. 

A INDUTRIA DO PLÁSTICO, "APROVEITÁNDOSE" DA SITUACIÓN

As primeiras responsables do uso masivo do plástico son as o producen. Todas esas empresas que participan desta industria - grandes distribuidoras, envasadoras, fabricantes de envases, supermercados... -, ademais de "aproveitar este momento de crise e de medo para propoñernos falsas solucións", están intentando "rebaixar os obxectivos e paralizar" a transposición da Directiva europea que restrinxe os plásticos dun só uso. Durán afirma que estas prácticas dilatorias e de bloqueo son estratexias habituais, pero quere "pensar que a normativa vai ir adiante".

Neste sentido, a Alianza Residuo Cero, conformada por Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Rezero, Retorna e Surfrider Foundation Europe, vén de denunciar estas "presións" da industria e de reclamar ao Goberno e ás autoridades europeas "que non cedan" e que tomen medidas para reducir o consumo de plástico dun só uso e para xestionar de forma eficaz os residuos xerados. "Por sorte", din, a resposta da propia Comisión Europea foi "contundente" e advertiu que a crise sanitaria "non pode servir de escusa" para non avanzar na transición ecolóxica. 

"RETOMAR O CAMIÑO POLO QUE ESTABAMOS INDO"

"Se para saír desta pandemia volvemos aos vellos hábitos de investir en empresas contaminantes e favorecer políticas laxas con todo o que contamina, seguiremos no de sempre: pan para hoxe e fame para mañá", sentenza Cristóbal López. Mentres a industria exerce presións e o goberno media e decide, tamén está na nosa man mudar o modelo sen que a crise da Covid nos faga retroceder. "Temos a sensación de que estamos dando pasos cara atrás; espero que sexamos conscientes de que cómpre retomar o camiño polo que estabamos indo". O responsable de residuos de Greenpeace aposta, para reconducírmonos, por deixar de mercar en grandes superficies "onde estamos máis expostos ao virus". "Vai ao comercio do teu barrio, ao teu froiteiro, ao teu pescadeiro... Todas estas cousas que parece que se nos esqueceron".

Á hora de mercar os produtos, tamén podemos cambiar condutas. María Durán remarca que os produtos envasados en plástico non son máis seguros ca en granel. "Os envases pasan por toda unha cadea de produción onde hai moitas posibilidades de transmitir bacterias e virus". En cambio, se facemos a compra cun recipiente de vidro ou unha bolsa de tea debidamente lavada no fogar evitamos toda esa cadea que provoca un "sobreconsumo" de plásticos e unha "falsa seguridade" contra a Covid. Para a responsable de residuos de Amigos da Terra, a industria "estanos manipulando" neste contexto de medo xeneralizado da poboación. "Era moi habitual ir coas nosas propias bolsas ao súper e de repente a xente volve pensar que coller a bolsa do plástico é o máis seguro. Está habendo unha volta ao pasado".

Para nos protexer, Durán remítese ás recomendacións da OMS e do Centro de Prevención e Control da Enfermidade sobre o uso de luvas. "Son totalmente prescindibles; o máis seguro é lavar as mans frecuentemente e desinfectar as superficies", comenta. No caso das máscaras, un elemento importante contra a transmisión da Covid e que é de obrigado uso cando non se poden manter as distancias de seguridade, "sempre será mellor optar por opcións reutilizables e lavables", aposta Durán.

Conscientes de que "este modelo non funciona" e fronte a unha administración que "mesmo promove" a continuidade desta cultura do 'usar e tirar', Amigos da Terra defende priorizar a redución de residuos dende a produción, apostar por unha reciclaxe eficaz que contemple a separación selectiva en orixe e provocar a fin da incineración e vertedoiros. De non mudar os nosos hábitos, "seguiremos inundando o medio ambiente de material que non somos quen de asumir". E dende Greenpeace rematan: "Estámonos comendo o planeta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ana

Emocionante como a xente esta despertando e comenza a organizarse ante o que esta pasando. ¿Non o credes?. Mirade en youtube o video co titulo "Vais a perder esta guerra contra la libertad"

1 Ana

Normal ,e unha barbaridade obrigar a levar bozal (mascarilla), mais ainda ao aire libre e con altas temperaturas. E insano respirar dióxido de carbono e eu pregunto: ¿a quen se lle pide responsabilidades se unha persoa se desmaia por levar bozal?. Menos bozal e mais invertir en sanidade e preocuparse pola economía que ao final vai morrer xente pero de fame. Estamos fartos do coronatimo, pois so trae riuna económica e control social. Todo para acabar coa pequena empresa, endebedarnos e esclavizarnos as elites globalistas que queren impor o Novo Orde Mundial.