Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 12:48
Pensionistas, traballadores de residencias e familiares de usuarios chaman a tomar as rúas en "marchas cívicas" o vindeiro xoves 11 para reclamar servizos públicos de calidade nas residencias de maiores e mostrar a súa solidariedade coas vítimas da COVID-19 nestes espazos.
Estas protestas, convocadas polo Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) e o grupo de Traballadores de Residencias de Galicia (Trega), contan co apoio de familiares de residentes nestes espazos, que tomarán a palabra nas manifestacións.
O obxectivo das protestas, segundo o médico Francisco Vizoso, membro de Modepen, é crear "un movemento social" que permita conseguir uns servizos "minimamente dignos" trala "mortalidade" apreciada durante a pandemia.
"Pedímoslle a todos os sectores que están escandalizados co que pasou nas residencias que participen nas marchas. Se o que pasou pasa no medio do silencio pensamos que temos un problema grave como sociedade", manifestou o sanitario.
Na mesma liña, as traballadoras destes espazos Sonia Jalda e Maribel Barreiro consideran que a COVID-19 evidenciou situacións que levan "moitos anos denunciando", como o feito de que "non se contrata ao persoal suficiente" para atender a todos os usuarios que residen nestes espazos.
"SÓ O 15% DAS PRAZAS SON PÚBLICAS"
Á vista destas cuestións, os convocantes queren denunciar a "fortísima privatización" das residencias e demais servizos galegos da dependencia. "Só o 15,6% das prazas das residencias galegas son plenamente públicas, é dicir de titularidade e xestión pública", sinalan.
Contra esta privatización esixen uns servizos sociais "100% públicos". "Necesitamos residencias e servizos de atención no fogar, centros de día... De titularidade e xestión plenamente públicos e caracterizados por ser universais, centrados nos coidados no domicilio e de calidade", apuntan.
As mobilizacións pretenden tamén sevir como mostra de solidaridade cos falecidos por mor da COVID-19 no marco das residencias, para os que anuncian que demandarán xustiza.
CONCENTRACIÓNS CONVOCADAS POLA CIG
Tamén para o xoves vindeiro, o colectivo de xubilados e pensionistas do sindicato CIG ten previsto mobilizacións ante varias residencias galegas en demanda dun sistema público galego de atención ás persoas maiores.
O sindicato nacionalista pide dotar a este sistema dos recursos e medios suficientes para romper co modelo privatizador que, segundo denuncian, fomentou o Goberno do PPdeG nos últimos anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.