Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 19:20
Pescadores galegos que faenan na ría de Muros e Noia vistan desde hai varios meses a un arroaz solitario no mar. Aínda que a presenza destes exemplares non é, de seu, un feito peculiar, o novo é que adoitan convivir en mandas de 15 e non de forma individual.
Diso informa a Consellería de Medio Ambiente a través dun comunicado, no que explica que a soidade do arroaz "pode deberse a que en ocasións estes exemplares non son aceptados nas mandas e reclúense ata atopar outros individuos das súas mesmas características".
Ademais, a súa situación de illamento na ría de Muros e Noia fai que aumente a súa "curiosidade polas actividades humanas". No entanto, a Xunta lembra que se trata dun animal silvestre e "non dunha mascota", polo que apela a non molestar ao animal e a evitar "en todo momento" interactuar con el.
Así, a Consellería recomenda non ofrecerlle comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu lado nin entrar deliberadamente no seu radio de contacto. No caso de estar no mar, deberase evitar tocalo nin aproximarlle as mans.
Se se avista desde unha embarcación, pídese non aproximarse nin interromper o seu comportamento, senón adoptar unha "posición neutral e indiferente" no caso de que o arroaz se achegue. Tamén é recomendable manter o mesmo rumbo e velocidade e evitar cambiar de dirección ou velocidade de maneira brusca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.