As listas de espera en Galicia ao bordo do colapso tras aprazarse multitude de operacións

A pandemia da COVID-19 obrigou a desprazar recursos para o tratamento das persoas afectadas. Os servizos sanitarios tiveron que deixar á parte aquelas intervencións que estimaron poderían esperar ata pasada a pandemia. Mais as asociacións de pacientes e sectores médicos din que se non se retoman agora as listas de espera, é moi probable que o SERGAS estea cerca dun colapso.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As listas de espera para operacións, revisións e outro tipo de servizos que presta o SERGAS tiveron que deixar de moverse. A COVID-19 levou por diante todas as posibilidades de acelerar o ritmo de atención dos servizos galegos de sanidade pública. O desvío necesario de recursos para atender a pandemia reducíu as capacidades para aplicar tratamentos tan fortes como os oncolóxicos, por exemplo.

SERGAS. XUNTA - Arquivo
SERGAS. XUNTA - Arquivo

Actualmente as listas parece estárense movendo lentamente e con todo, profesionais da saúde din que con este ritmo non se poderá dar atendido todas as necesidades. En casos como cirurxías de cancro, revisións presenciais ou probas médicas, profesionais médicos cren que se pode ir chamando ás persoas implicadas debido á baixa de ingresos por coronavirus tanto en hospitalización como en UCI.

MOVEMENTO DAS LISTAS DE ESPERA

As listas de espera deberían estar movéndose, opinan tanto desde o Defensor do Paciente como desde sectores médicos. Defensor del Paciente estiman que de non acelerar procesos, a posibilidade de aumento de vítimas sen relación coa COVID-19 é moi probable. Recoñecen que hai chamadas para operacións, non obstante, “din que a intervención serán dentro duns días e volverán chamar, mais a chamada non chega” sinala Carmen Flores de Defensor del Paciente.

Coa gran parada que implicou o estado de alarma e o virus que o provocou, os hospitais semellaban estar en parón. Só se atendían casos moi urxentes, mais agora debería irse recuperando a actividade logo da  paréntese co coronavirus. “Tememos que non se estea recuperando esa actividade con toda a intensidade necesaria” di Manuel Martín de SOS Sanidade Pública.

Imaxe de arquivo do Hospital Montecelo.. SERGAS
Imaxe de arquivo do Hospital Montecelo.. SERGAS

Houbo situacións, describen desde Defensor do Paciente, en que persoas cunha doenza e en lista de espera para seren atendidas ou operadas, ingresaron por Urxencias “mesturadas con persoas que tiñan a COVID-19”. Tamén se recorreu aos xulgados de garda por parte de pacientes coa súa situación agravada.  Desde a oficina do Defensor do Paciente enviaron cartas ao Ministerio de Sanidad sobre a mobilidade das listas de espera. Aínda están “sen resposta”.

“Sabemos por compañeiros e compañeiras que houbo casos de cancro que pasaron de ser operables a inoperables” sinala Manuel Martín. O gran atranco sobre as listas de espera só se podería eliminar coa posta en marcha de todos os servizos que quedaron libres a medida que baixaba a incidencia do coronavirus. SOS Sanidade Pública cre que haberá demandas contra o SERGAS en breve, aínda que ven difícil accións como ocorreron coas residencias de anciáns. “Habería que ver caso a caso”.

O SERGAS respondeu  a Galicia Confidencial que iniciou o 2020 cunha demora media de 54,5 días, “a cifra máis baixa en canto a lista de espera desde que hai rexistros no Sergas”. Segundo estes datos “Galicia situouse entre as catro comunidades autónomas con mellores datos en lista de espera”. A consecuencia para o Servizo Galego de Saúde é que as listas de espera seguen dentro de rangos razoables. Todo isto permitiu seguir “atendendo aos pacientes máis prioritarios tanto en hospitalización, cirurxía, consultas ou probas”.

Ademais, o departamento que dirixe Vázquez Almuíña responde con algunhas cifras “abordáronse os casos urxentes, os preferentes e tamén as 108 patoloxías prioritarias, que se recollen no decreto de garantía de tempos máximos”. Tamén se realizaron “38 transplantes, intervencións oncolóxicas e todas aquelas que non se poden demorar” durante os momentos máis difíciles da epidemia nos hospitais.

Actualmente, segundo SOS Sanidade Pública, o número de ingresos pola COVID-19 son mínimos, o mesmo sucede en UCIs. Isto xa permitiría o ingreso de persoas con outras afeccións. Esta operación tamén tería riscos segundo SOS, un sería a falta de camas e o risco de contaxio por coronavirus dos novos ingresados. “A enquisa da Administración con 50.000 casos indica que o número de infectados en Galicia é do 2%” , porcentaxe que podería implicar unha baixa incidencia de contaxio en centros hospitalarios.

Se os centros, tanto hospitalarios como de atención primaria, están preparados, o SERGAS ten claro que “están adaptados para recuperar a normalidade en canto ás intervencións cirúrxicas e resto de servizos e prestacións, seguindo o Protocolo de Reactivación da Actividade no ámbito Hospitalario”.

ELECCIÓNS

“A saúde non ten cor política” di Carmen Flores remarcando que as CCAA “esqueceron” doentes en espera polo caos do coronavirus. “O Ministerio debera controlar o que fan as Comunidades co diñeiro que debe ir tamén para as listas de espera”.

E todo isto en plena precampaña electoral para as eleccións do 12 de xullo. Existe o temor de que esta situación coas listas de espera así como todo o acontecido dentro do campo sanitaria, sexa munición para os partidos durante o período electoral. “As eleccións permiten ofertar melloras para o sistema sanitario” sinala Manuel Martín.

“Galicia está entre as CCAA máis afectadas e usar as listas de espera ou o coronavirus para as eleccións só é buscar o favor das urnas” sinalan de Defensor del Paciente. “Coñecemos a situación que pasa a sanidade pública galega e Feijóo debe pór en marcha máis accións, xa non vale o que se prometa”.

Manuel Martín sobre se a contratación de persoal por parte do SERGAS paliaría en parte a falta de mobilidade nas listas, o primeiro que destaca é que a pesar da situación actual, haberá peche de camas durante o verán. “Habería que poñer en marcha todo o sistema” mais “cremos que se están derivando doentes a hospitais concertados”.

“Un estado de alarma implica usar todos os recursos, públicos e privados, non pode haber distincións” di Carmen Flores. Sinalan a falta de recursos que houbo para atender as persoas afectadas, a falta de persoal necesario e que solucións como a do hospital de campaña de IFEMA, en Madrid, foi un fracaso “como nos dixeron persoal que traballou alí”.

As listas de espera non poden demorar máis, din médicos e usuarios. Os tratamentos e as cirurxías non relacionadas coa COVID-19 deberían estar xa en marcha aproveitando o espazo que está liberándose logo da pandemia. Por outra parte, o feito de convocarse eleccións para o 12 de xullo pon en cuestión se todas as actuacións que se realicen ata ese día poden ter tintes electoralistas. En tal caso, a premura e insistencia en mover listas de espera pon de acordo a usuarios e profesionais da medicina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 o goberno central o fixo peor

Seipan que algún quirófano coma o 11 rematou infectado pola covid-19, (e o 13 o que estaba pensado para as operacions con enfermos do SARS-Co V-2) por apurar o tema por ir de saobrados por non esperar os resultados das probas e menos mal que estaban todos coas ffp2 e as cirurxicas por enriba... Moitos morreron non son as mortes adiantadas producidas pola pandemia, son mortes engadidas pola pandemia que e diferente!!!