Feijóo segue o argumentario de Casado e acusa a Pablo Iglesias da xestión das residencias, tamén das da Xunta

“A pesar de ser vicepresidente de asuntos sociais, desentendeuse do que aconteceu nas residencias”, di.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu este venres punto por punto o manual remitido polo líder do seu partido, Pablo Casado, para culpar do acontecido nas residencias de todo o Estado ao vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias.

Así, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo cualificou de "especialmente incomprensible" que o vicepresidente de Dereitos Sociais do Goberno central "se desentendese" da xestión dos xeriátricos a pesar da activación do estado de alarma "e cun mando único" vixente. Unha postura que segue a estratexia de Pablo Casado que deu instruccións aos seus para culpar ao vicepresidente do acontecido nas residencias, aínda que as competencias nesta materia son das autonomías.

A dirección popular pedíu por escrito aos seus dirixentes atacar a Pablo Iglesias e sinalalo polas mortes en residencias por ser o o responsable de Dereitos Sociais do Goberno central. De feito, o portavoz no Senado, Javier Maroto, xa o puxo en práctica durante a sesión deste martes, cando denunciou que Iglesias foi un “irresponsable que non adoptou unha soa medida”. Un argumento que tamén clavou este venres o propio Feijóo.

"En plena pandemia, cun estado de alarma e cun mando único, non se recibiu ningunha instrución sobre as residencias", dixo o presidente galego.  Ademais, tachou de "incomprensible" que en España "non se saiba" o número total de falecidos dentro dos centros da terceira idade como consecuencia da pandemia "a pesar de que todas as comunidades" notifican estes decesos.

En Galicia, das 619 vítimas diagnosticadas con COVID-19, 132 faleceron no interior das residencias da terceira idade. A estas hai que sumar outras 142 persoas que, a pesar de morrer en hospitais e residencias integradas, eran usuarias de centros xeriátricos.

Pablo Iglesias
Pablo Iglesias | Fonte: @ Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta