Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 22:15
O gaiteiro Xesús Rodríguez, que se viu involucrado de maneira involuntaria nunha publicación de Twitter da formación de ultradereita Vox, procederá a pedir unha "rectificación pública" para que o desvisculen da formación política e dos seus actos. "Eu dedícome profesionalmente á música, teño un obradoiro de gaitas, toco en eventos... E o que non quero é que se politice a miña imaxe como alguén vinculado a certo partido político", explica. Por iso, a súa pretensión agora será "que se estenda ben a idea de que eu non teño nada que ver con iso e lavar a miña imaxe".
O caso saltou ás redes esta mesma semana cando a conta de Twitter @Vox_LaCoruña_ publicaba unha entrada que dicía o seguinte: “El gaitero nos recibe a nuestra entrada en la Plaza del Obradoiro”. Acompañando o texto aparecía unha imaxe do músico tocando no Arco de Xelmirez fronte ao grupo de ultradereita, que participou este domingo nun acto preelectoral en Santiago de Compostela no que realizou o último tramo do Camiño (desde o Monte do Gozo ata o Obradoiro).
"EU NON RECIBÍN A NINGUÉN"
Se ben con ese chío querían dar a entender o apoio de Galicia á formación e, máis concretamente, a “benvida” a Vox ao son da gaita, o certo é que o músico axiña saíu dar explicacións a través das súas redes sociais: “Quero deixar moi claro que estaba a tocar como fago habitualmente e apareceu de súpeto toda esta tropa, EU NON RECIBÍN A NINGUÉN”, aclara contundente Xesús Rodríguez, que cualifica de “verdadeiramente noxenta” a lea en que se viu metido por parte da formación de ultradereita Vox.
“Xa tiña constancia da manipulación e dos bulos de certos partidos políticos pero nunca imaxinei ser vítima dunha das súas montaxes”, prosegue no seu comunicado. Dende ese momento, Xesús Rodríguez vén de recibir o apoio de centos de persoas polas redes sociais que mesmo o animan a denuncian á formación por manipulación e uso da súa imaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.