Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 14:45
O consumo de gasolina caeu un 70% en Galicia durante o confinamento, segundo destaca a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) este venres con base nos datos do último informe do mes de abril.
Así, houbo un esborralle de todos os carburantes. No caso da gasolina, a provincia con maior descenso é Ourense (-73,4%); seguida por Pontevedra (-71,6%); A Coruña (-71,4%) e Lugo (- 70,6%), con respecto ao mesmo mes de 2019.
Con todo, a caída do consumo chegou a alcanzar o 80% nalgunhas estacións de servizo de Vigo, Baiona e A Guarda.
Pola súa banda, o consumo de Gasóleo A para automoción caeu no mes de abril a menos da metade do que se consumía en abril do 2019.
Por provincias, neste caso é Pontevedra a que lidera o descenso no consumo, que roza o 60%; seguida de Ourense, cun 58% menos; A Coruña, un 54%; e Lugo que perde case a metade do consumo, un descenso dun 45,1%.
AUMENTO DO GASÓLEO AGRÍCOLA
Con todo, o presidente de Fegaes, Benigno Redondo, é optimista e considera que: "Se todo vai ben en Galicia, poderase chegar á normalidade no consumo de carburantes despois do verán". Tamén recoñece o medo aos rebrotes.
Os únicos grupos de consumo que presentaron valores positivos con respecto ao ano anterior foron o de Gasóleo B para uso agrícola que se incrementou nun 52,8% con respecto a abril do 2019 e o de gasoil para calefacción, propiciado polo confinamento de miles de familias nos seus domicilios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.