Plataforma contra a mina de Touro-O Pino pide amparo ao Valedor ante a "opacidade" da mineira

Denuncian que omite cuestións como "quen está detrás" da financeira e incorre en erros nas referencias de terreos. Cobre San Rafael defende a súa "transparencia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Plataforma Mina Touro-O Pino Non solicitou amparo ao Valedor do Pobo ante a "opacidade" que aprecian na documentación presentada polos promotores da explotación mineira ideada na comarca de Santiago e que se atopa en fase de exposición pública.

Na tarde deste martes, varios membros da plataforma veciñal presentaron un rexistro ante a sede do alto comisionado do Parlamento de Galicia para solicitar que interceda no acceso á información do proxecto, que consideran que "oculta" asuntos como "quen está detrás" da iniciativa e "quen respondería" en caso de producirse algún problema.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, a membro a plataforma Obdulia Lareo, quen denunciou que os promotores se escuden en "o segredo industrial" para "deixar en branco" apartados da documentación relativos, por exemplo, ao informe económico. Entenden que se trata dunha estratexia de "opacidade" para "non relevar" quen é a financeira da iniciativa promovida por Explotacións Galegas, Atalaia Mining e Cobre San Rafael. "Temos que saber quen está detrás, de quen sería a responsabildiad ante un fallo dos depósitos ou calquera problema", aseverou.

LEIRAS

Tamén denuncian que na relación publicada no Diario Oficial de Galicia das leiras que serían expropiadas para levar a cabo o proxecto --declarado pola Xunta como estratéxico-- existen "erros", algunhas están "equivocadas" sobre a extensión de superficie e outras "aparecen en branco".

Aseguran que se se suma a superficie das hectáreas das leiras sinaladas na documentación "non alcanza" as 812 hectáreas que abarca o proxecto. En cambio, continuou, a consulta no catastro da superficie das leiras "que aparecen en branco" eleva a extensión total a 914 hectáreas. Desta forma, pregúntanse "cal é a superficie real" dun proxecto que ven "igual" ao presentado no ano 2017 e que recibiu por parte da Xunta unha declaración de impacto ambiental negativa, polo que consideran que debería rexeitarse a súa tramitación en cumprimento da lei que impide que iniciativas que contan con informes negativos poidan reiniciar o seu camiño administrativo.

"É exactamente o mesmo proxecto que o de 2020 e que está denegado", aseverou Lareo, que avanzou que a plataforma continuará coas mobilizacións e as accións para tratar de frear unha iniciativa que ven unha "ameaza" para os veciños e o medio de vida dunha zona na que se asintan explotacións gandeiras e na que tamén ten peso o sector servizos ao ser o final da penúltima etapa do Camiño de Santiago.

De feito, unha delegación do colectivo será recibida este mércores polo Grupo Parlamentario do BNG, segundo trasladou Lareo, que tamén confirmou que se producirá un encontro co PSdeG está pendente de fixar data mentres esperan que o PP e Democracia Ourensá respondan á solicitude trasladada a todas as forzas con representación na Cámara autonómica.

Plataforma contra a mina de Touro-O Pino pide amparo ao Valedor ante a 'opacidade' da documentación do proxecto
Plataforma contra a mina de Touro-O Pino pide amparo ao Valedor ante a 'opacidade' da documentación do proxecto | Fonte: Europa Press

COBRE SAN RAFAEL DEFENDE A súa "TRANSPARENCIA"

Nunha resposta facilitada a Europa Press, fontes de Cobre San Rafael defenderon que a empresa "é completamente transparente sobre a súa composición e accionistas" e que a ausencia de información na documentación presentada débese ao cumprimento da Lei de Protección de Datos.

Argumentan que foron omitidos "datos persoais e información económica sensible" que si foi trasladada á Administración autonómica. Ademais, manteñen que "nesta fase" de tramitación da declaración de impacto ambiental do proxecto, estes datos "non son relevantes ou críticos". En canto ás críticas da plataforma sobre a información das parcelas, estas fontes sosteñen que "o perímetro do proxecto mineiro" é de 812 hectáreas e que "a discrepancia" responde a que as fichas das leiras "nalgúns dos casos, superan ese perímetro, pero contabilizadas no seu perímetro total".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta