A ciencia tamén entra en campaña electoral

A asociación Divulgacción aposta por un debate telemático sobre o I+D para as vindeiras eleccións .

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica Divulgacción xuntará este xoves, 2 de xullo, a representantes de cinco formacións que concorren ás eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 12 de xullo nun debate sobre propostas científicas que poderá seguirse por YouTube.

Cartel do Debate proposto por Divulgacción que terá lugar este 2 de xullo.
Cartel do Debate proposto por Divulgacción que terá lugar este 2 de xullo. | Fonte: Fonte: Divulgacción

Os representantes do PPdeG, PSdeG, BNG, En Común e Marea Galeguista discutirán a partir das 18:30 horas sobre as políticas de investigación e desenvolvemento (I+D) e de cultura científica nun encontro telemático que rematará cunha quenda de preguntas do público.

O debate contará coa participación de Borja Verea, candidato número 11 do PPdeG pola provincia da Coruña; Julio Torrado, número 4 do PSdeG pola provincia de Pontevedra; o investigador Hadrián Cordido, en representación do BNG; David Bruzos, número 1 de En Común pola provincia de Ourense; e Iván R. Lombardero, cabeza de lista da Marea Galeguista pola provincia de Lugo. O divulgador científico Manuel Vicente, membro da xunta directiva de Divulgacción e responsable do programa da Radio Galega Efervesciencia, moderará a sesión.

O público poderá facer chegar as súas preguntas aos participantes través do mesmo YouTube e de Twitter, mencionando a @divulgACCION e empregando o cancelo #debateciencia.

Divulgacción agarda que o encontro permita coñecer os plans das principais formacións políticas e convide á reflexión sobre a importancia estratéxica da ciencia en termos de benestar social e económico. O debate terá lugar nun momento en que a comunidade científica galega e española volve a mobilizarse, en plena pandemia dende a Rede, baixo o lema “Sen ciencia non hai futuro”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta