Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 12:00
Pastora Fernández (Viana do Bolo, 1960) apenas tiña idade para votar cando a finais dos anos 70 marchou para Euskadi a manifestarse contra o asentamento de centrais nucleares. “O lema por aquel entón era ‘Nucleares no, gracias’”, lembra a ourensá, que hoxe traballa como mestra en Vigo. Pastora lidera a formación Recortes 0, unha coalición sen representación no Estado que naceu en 2014 ao calor do clima de reivindicación aberto polo 15M. A candidata, de 59 anos, non oculta as desvantaxes das que parte a plataforma pero promete dar batalla para conseguir un escano nuns comicios ós que concorre en coalición con Espazo Común, Os Verdes e Municipalistas. “Levo como activista dende a adolescencia. Para min a vida é inseparable da política”.
Como levas a campaña?
A tope, e aínda queda outra semana. O ritmo é trepidante, e máis nesta situación tan atípica. A pandemia engade dificultades a todos os partidos pero especialmente ós extraparlamentarios.
Esta é a segunda vez que vos presentades en Galicia. Que obxectivos vos marcades para o 12X?
Iso terano que dicir as galegas e galegos. Nós estamos tentando visibilizar a nosa proposta de todos os xeitos posibles, e iso que sen o apoio dos medios de comunicación resulta máis complicado.
Nas anteriores eleccións estatais as cabezas de lista de todas as provincias eran mulleres. Facedes o mesmo en Galicia?
Neste caso, ao ir en coalición, coincide que somos 3 mulleres e un home, Fran Fraga, que vai en Ourense por Espazo Común.
Por que esa modalidade de coalición?
Sempre procuramos unirnos co maior número de forza políticas que compartan un mesmo tronco ideolóxico. Ademais, crises como a de 2008 ou esta que se aveciña non poden ser enfrontadas por unha soa formación, requírese unidade de partidos e tamén social.
Recortes Cero nace contra as políticas de ‘austeridade’ impulsadas dende a Troika nos anos da crise de 2008. Hai unha renovación desas demandas coa chegada da covid?
Completamente. Xusto cando estabamos empezando a saír desa crise tan aguda chega un confinamento que terá -en realidade, xa está tendo- consecuencias devastadoras a nivel económico e social. Por eso é necesario poñer a saúde e a vida por diante de todo o resto. E con isto referímonos a loitar contra a sanidade pública, sen tolerar un só recorte, unha medida que evidentemente require redistribuír a riqueza. Se non pagamos a crise os de sempre.
En que se traduce esa defensa da sanidade?
Un dos problemas do noso sistema é que abandona a atención primaria, non se inviste apenas en medicina preventiva. Precisamente por iso fallamos á hora de conter a pandemia, porque non fomos capaces de detectar os casos a tempo, foi un coladeiro. Dende Recortes Cero apostamos por unha lei integral de sanidade que obrigue a destinar polo menos un 25% do investimento total á medicina preventiva; que é tamén onde se tratan os enfermos crónicos, os máis vulnerables á pandemia.
Outros puntos a ter en conta é sacar do esquecemento á Galicia rural, moi discriminada a nivel sanitario, reverter as privatizacións de hospitais, ou romper a nosa dependencia das multinacionais farmacéuticas.
Por exemplo producindo medicamentos dende o Estado?
Hai moitas alternativas. Unha delas é impulsar unha industria farmacéutica propia para non ter que depender do capital estranxeiro. Eu non son sanitaria, pero polo que teño falado cos profesionais do sector entendo que se puidésemos producir os nosos propios xenéricos teríamos máis independencia e mesmo máis capacidade para negociar. O importante, en resumo, é ter un tecido industrial propio que nos dea autonomía.
A industria galega está a sufrir un momento crítico, entre os peches de Alcoa e Meirama. Como se pode frear esta sangría?
Nós presentamos un plan de reindustrialización con empresas pequenas e medianas que serían apoiadas grazas a un fondo especial financiado polos bancos que foron rescatados con impostos. Calculamos que cos cartos que lles tivemos que dar ás entidades bancarias poderiamos crear uns 100.000 empregos estables e de calidade.
Enlazando co de Alcoa, onte [polo venres] reunímonos co comité de empresa e comentabamos que a planta de San Cibrao está entre as máis produtivas do mundo dentro dun sector de enorme valor engadido como é o aluminio. Entón por que se vai o capital estranxeiro, neste caso dos EE.UU.? Porque os nosos gobernos non teñen vontade política de mantela. En Noruega, din os traballadores, hai unha fábrica semellante que non produce apenas en comparación á da Mariña, pero vana manter porque o Estado alí si presiona. O Goberno Central e a Xunta téñense que implicar para intervila e que unha parte da xestión da planta se faga en colaboración co cadro de persoal.
Neste campaña os partidos da esquerda están centrando o seu argumentario na defensa do público. Que diferencia a Recortes 0 de, por exemplo, o PSOE ou o BNG?
Que nós facemos unha defensa clara da necesidade de redistribuír a riqueza. No noso programa defendemos que non haxa ningún salario por baixo dos 1.000 euros... pero ningún por riba dos 10.000. Esa é unha diferencia fundamental: moitas forzas de esquerda defenden un salario mínimo máis elevado, pero só nós avogamos expresamente por esa redistribución, que é necesaria para botar adiante as medidas que precisa a sociedade.
En todo caso, o importante entre forzas políticas é unirnos arredor desa idea da redistribución, que penso que compartimos o 90% da poboación. Ata se llo preguntamos a Feijóo dirá que si. Temos que buscar máis o que nos une que o que nos separa se queremos avanzar.
"PARA OS MEDIOS NON EXISTIMOS"
O pasado venres presentastes ante a Xunta un manifesto con outras candidaturas extraparlamentarias pedindo un trato máis igualitario nos medios de comunicación. Védesvos excluídos?
Efectivamente. Parece que as candidaturas extraparlamentarias non existimos para eles. Por iso presentamos este manifesto no que pedimos que nos dean un trato igualitario e compensatorio, que non vai contra ninguén senón en favor do dereito á información das galegas e galegos, un dereito que por certo está recollido na Constitución. Queremos que os electores non se teñan que buscar a vida para coñecer todas as opcións políticas.
Este trato igualitario refírese por exemplo, a facer un debate con todas as forzas?
Iso xa sería extraordinario (risas). O que pedimos é que os medios de comunicación distribúan os tempos para facer chegar ás galegas e galegos as propostas de todos os partidos. Non demandamos estar á mesma altura que as formacións parlamentarias, só que se nos escoite.
A covid inflúe nesta exclusión?
Si, faino máis difícil. Nesta campaña atípica non podemos chegar ó electorado na rúa, co cal dependemos moito máis dos medios de comunicación.
Como é estar nun partido sen axuda económica da administración?
Resulta duro, pero ao mesmo tempo garante independencia. Todos sabemos que quen paga manda: se a banca é quen te financia tamén é quen che vai poñer as liñas vermellas. Nós non temos eses condicionantes. Persoalmente, non penso que ningún partido deba contar con financiamento máis alá dos seus afiliados e simpatizantes. E se estes non te apoian... pregúntate por que.
E con respecto ó financiamento da administración?
Non, tampouco se debería. Evidentemente, se entrásemos nas institucións xogaríamos coas mesmas normas que o resto. Pero é inxusto que se os impostos os pagamos todos os cartos da campaña só cheguen a algúns partidos, que contan con centos de miles de euros para chegar ó elector.
Aproximadamente, que presuposto tedes para estas eleccións?
Moi modesto, sorprenderíaste (risas).
Como manexades a campaña para suplir esta atención dos medios?
Currámonos moito a actividade en redes. Nestas eleccións estamos moi contentos co resultado que está dando, de feito. O outro día fixemos un mitin telemático -o único de toda a campaña, penso- que reuniu a 120 persoas e outras 50 que non puideron entrar. Aspiramos a pechar con outro mitin dixital que recolla a máis persoas.
Que plan tedes para o Galego?
Alégrome de que fagas esta pregunta. Á parte de ampliar o seu uso todo o posible dentro de Galicia, en Recortes 0 formulamos que nas escolas de toda España se ofrezan competencias básicas do resto de linguas: Galego, Catalán, Eúskaro e ata o Bable, se me apuras. Non para falalas perfectamente senón para poder manexarse e, sobre todo, para empatizar cos seus falantes e destacar a nosa diversidade.
Os electores adoitan ter reparos para votar por candidaturas extraparlamentarias. Que lle dirías ti a un indeciso para romper esta barreira?
Pois que hai todo por gañar. Somos un partido distinto con outra forma de facer política, baseada no protagonismo da cidanía e coa vontade de levar adiante esa redistribución da riqueza que a maior parte da sociedade demanda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.