Hai agora dez anos, aparecía o chamado “movemento 15-M”.Cando xurdiron aquelas manifestacións e acampadas protagonizadas por milleiros de persoas –cunha porcentaxe moi maioritaria de mozos e mozas- no mes de Maio de 2011, rexistráronse reaccións diverxentes na opinión pública e na publicada. Houbo, sen dúbida, simpatía expresa ou tácita en moitos sectores sociais que padecían unha dupla frustración: a derivada das penalidades asociadas ao impacto da crise económica nas súas condicións de vida e a que suscitaba o papel dos gobernantes –que, no caso do goberno do Estado, pertencían a un partido político que se autoidentificaba no universo da esquerda- na xestión da desfeita económica.