Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 14:33
O portavoz de En Marea, Luís Villares, emprazou aos membros de Podemos a que se "candidaten" nas primarias do partido instrumental para confeccionar as listas das xerais do próximo 28 de abril.
"Sería unha mágoa que Podemos rompese a unidade", afirmou Villares este xoves, día no que, ás 23,59 horas, péchase o prazo para presentarse ás primarias de En Marea, que concorrerá como forza política propia ás xerais e rexeita integrarse nunha coalición electoral, fórmula pola que apostan Podemos, Anova, EU e as mareas municipais de Santiago e A Coruña.
"Aínda está o prazo aberto para que se poden presentar ás primarias. A min gustaríame porque En Marea é un espazo que permite que a xente de Podemos que previamente se candidatase na súa organización, poida candidatarse dentro de En Marea", declarou Villares nun acto en Lugo.
Con todo, as direccións dos partidos aliñados no sector crítico coa dirección de En Marea capitaneada polo maxistrado lucense rexeitan concorrer baixo o partido instrumental, o que aboca, salvo sopresa, ao espazo político da autodenominada unidade popular a dividirse en dúas candidaturas para o próximo 28 abril, escinificando así unha ruptura que xa existía 'de facto' desde hai meses.
"CONTACTOS"
Luís Villares afirma que a súa dirección mantivo "contactos durante as últimas semanas" coas cúpulas de EU, Anova e Podemos para a súa integración "nun espazo aberto, que é o espazo de En Marea". "Somos herdeiros do 15M e queriamos primarias e participación aberta á cidadanía, de tal maneira que todo o mundo puidese candidatarse en igualdade de condicións. Esas condicións non foron referendadas por Podemos, a pesar de que, en orixe, dicíanse tamén herdeiros do 15M", espetou o maxistrado en excedencia.
Con todo, Villares sinalou que aínda hai "tempo" para que os membros de Podemos se candidaten para un posto nas listas de En Marea, algo que "gustaría" ao portavoz. "Pensamos que o espazo político de En Marea foi exitoso, a xente apoiou no seu momento unha idea de unidade e sería unha mágoa que Podemos rompese a unidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.