Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2021 | Actualizada ás 22:00
A Avenida de Lugo circunvala toda a cidade de Santiago polo seu costado leste. O seu extremo norte fúndese coa Avenida Rodríguez Viguri nunha rotonda aínda en construción. No 219 da Avenida de Lugo está a sede da Unión do Povo Galego (UPG) e, un pouco máis arriba, na Viguri, a do Bloque Nacionalista Galego (BNG). A cuestión non é coincidencia se atendemos á obra A nova presenza do BNG, un ensaio que o profesor e fundador da Mesa pola Normalización Lingüística Xosé Manuel Sarille vén de editar con Medulia.
A obra, de 123 páxinas, comprende un estudo persoal pero preciso das dinámicas internas do BNG, que Sarille navega coa contundencia de quen coñece dende dentro a plataforma frentista. Non en balde, militou na organización central do nacionalismo galego entre 1975 --“cando aínda estaba vivo Moncho Reboiras”-- e 1978, para logo regresar por un breve período a finais dos 80 coincidindo coa experiencia dourada da alcaldía de Fene.
Sarille centra o libro nas tensións históricas entre BNG e os da U, sen por iso deixar de lado o esfarelamento das Mareas --ás que atribúe unha “alma adolescente”-- e o proceder de portas para dentro do PPdeG, ao que define como un partido “maduro” e cunha xestión intelixente dos seus propios conflitos. “Os electores parecen saber que quen non dá gobernado a súa casa está incapacitado para gobernar a de todos”, escribe.
O PAPEL DA “VELLA GARDA”
Con todo, o cerne do ensaio pasa pola “disonancia cognitiva” que, ao seu ver, rexe as difíciles relacións entre o BNG e o seu núcleo duro. A tese da obra pasa por que a UPG, nos momentos de maior fraqueza, bota man dunha cara máis amable --Beiras nos 80, hoxe Pontón-- para ampliar a súa base electoral. O problema chega cando os resultados nas urnas non son os agardados --o caso de Beiras tras o batacazo de 2001-- ou, simplemente, no momento en que a “vella garda” da U sente desexos de tomar de novo o control dun proxecto que se afasta dos seus principios fundacionais. “[Francisco] Rodríguez segue a ser a última instancia. Ten, de facto, a última palabra dentro do BNG”, remacha nun dos puntos álxidos da obra.
-- Cal é o papel da UPG dentro do Bloque?
-- A UPG é o motor que nunca falla. O que ocorre é que, dende sempre, arrógase ese papel de vangarda que remata por agarrotar a toda a formación. E nunca falla tampouco a sucesión cíclica; que é gañar, cortar, e volver a comezar dende abaixo.
O “ciclo” referido por Sarille atinxe tanto á dinámica interna do BNG como aos seus resultados electorais. Os períodos de maior poder institucional, apunta, coinciden coas etapas nas que o Bloque se atopa máis próximo ás problemáticas diarias da poboación galega. En canto este poder se esvaece, a formación entraría nunha táctica de repregamento na que se desestiman as estruturas de poder autonómico como “subsidiarias” do Estado e regresa de novo a pantasma da independencia.
UNHA FORMACIÓN “ANACRÓNICA”
O papel de “lastre” que, de acordo co autor, tería a UPG vén marcado por un carácter “anacrónico”, ancorado nas vellas propostas dos partidos ‘de vangarda’, é dicir, esas formación que, dende a óptica marxista, se encomendan a dirixir ás masas á revolución socialista. Unha posición que, a ollos de Sarille, tiña razón de ser nos anos 70 pero hoxe fai da UPG unha organización “fóra do tempo”.
“Falamos dunha organización moi conservadora, con moita dificultade para transformar o seu funcionamento e mesmo a mentalidade dos seus militantes. Unha organización moi doutrinaria, con pouca incorporación teórica allea a si mesma... É unha estrutura do atraso, tal e como está concibida”, asevera en declaracións ao Galicia Confidencial.
A incapacidade do BNG para desenvolverse máis alá do teito de votos marcado por Beiras en 1997 --case 400.000 sufraxios--viría dada por ese contrapeso da UPG, que dispoñería un control case absoluto a nivel interno. “[A UPG] concibe e articula a estratexia do Bloque, debuxa os seus límites tácticos, as posibilidades de pactar e non pactar, o tipo de mobilizacións [...]”, apunta nun momento da obra.
- Na obra destílase que a UPG, máis que vertebrar o nacionalismo galego, limítao.
- É unha organización que ten o mesmo líder que hai 40 anos. Isto non se dá en ningunha outra organización do mundo
- Pero Francisco Rodríguez deixa a secretaría xeral da UPG en 2012.
- Sobre o papel si, pero... o serio é que este señor manda e manda absolutamente. É a última instancia dentro do Bloque. E ten a última palabra dentro dos satélites que seguen estando na órbita da UPG, sen negarlle por iso ningún tipo de lucidez e capacidade. Pero isto é unha estrañeza absoluta, non hai ningunha organización así no mundo. É un esquema dos anos 70.
- Cal é o papel do BNG como “cara amable” nesta ecuación?
- (Fai unha pausa). Cando [na UPG] ven que as cousas están fatal son audaces. Nos anos 80, cando aparece Beiras, pasan de facer bandeira de non xurar a constitución a revolver completamente o panorama. Tendo en conta que, xa nos 70, Beiras era un señor no PSG que non estaba ben visto no BNG: o discurso a respecto de Beiras é que era un socialdemócrata... pero cóllese a este señor e sácase unha reformulación tan orixinal como aquela fronte que naceu no 82, con ese Beiras brillantísimo.
O “TEMPO DE REFLEXIÓN” DE PONTÓN
A tensión entre o traballo institucional do BNG e as teses da U tamén estarían tras o cisma de Amio, de acordo con Sarille. O autor describe como a migración cara ao centro --“amparada por Quintana, e habería que ver tamén en que medida por Beiras”-- vén seguida pola “reafirmación dogmática” dos primeiros anos 10, unha etapa de ‘travesía polo deserto’, segundo se describe no libro, na que reaparece a independencia e se pasa por riba o movemento do 15M. Entón chega Ana Pontón, “unha candidata que se homologa co modelo de líder predominante” e que, en oito anos, leva ao BNG dos 7 aos 19 escanos.
Sarille evita entrar en profundidade no recente anuncio de Ana Pontón, que remexeu as augas da política galega ao pedir “un tempo de reflexión” de cara ao congreso do vindeiro novembro. “Parece que se negocia, que hai algo positivo”, apunta. “Se hai conflito parece que pasa por unha canle política”, explica.
Ben é certo que Pontón, a diferenza de Quintana ou Beiras, si pertence á UPG. Con todo, Sarille non ve visos de abandonar o vello ciclo de subidas e baixadas que caracteriza o tándem do nacionalismo: “parece que estaba onde estabamos sempre, o vello conflito: que cando alguén se pon a facer política institucional, e a falar de que as necesidades do país son as que son, estamos nun nivel de realismo que pode xerar disensións con esa cúpula que tenta reafirmar a conciencia nacional, apelar aos principios, apelar ao pasado como símbolo... [...] Non hai nada do ano 80 que non poida volver”, incide.
PP E MAREAS
“O PP é o partido con maior contacto coa vida real, o resto é unha especie de nube dialéctica
Fronte ás leas internas do BNG --e o PSdeG--, Sarille fai fincapé na boa xestión interna do PP, sen entrar a valorar o seu papel á fronte da administración autonómica galega. “A maquinaria do PP é impoñente”, afirma, antes de subliñar que a hexemonía dos populares obedece a un esquema moito máis complexo que o avellentamento da poboación ou a pretendida ‘minoría de idade’ dos galegos a nivel político. “Temos unha poboación consciente que sabe o que vota. Algo máis ten que haber que o monopolio dos medios e o carreto, aínda que iso funciona”.
A intelixencia que Sarille atribúe á formación de Feijóo quedaría cristalizada na crise interna derivada do Prestige. Nun momento en que, sostén, “todo parecía indicar que o partido acabaría rompendo”, no PP “calmáronse, resolveron, buscaron acomodo para os perdedores da loita interna e non pasou nada”. Esta astucia replicaríase tamén no eido electoral, afastado das “grandes proclamas” que o autor vencella ao espectro da esquerda: “O PP é o partido con maior contacto coa vida real, o resto é unha especie de nube dialéctica fóra de contacto coa terra. E non falo do Bloque, senón xa en xeral”, incide.
Todo o contrario que no caso das Mareas, ás que lles dedica un espazo cativo pero moi contundente dentro da obra. “O das Mareas é dunha inmaturidade abraiante, é unha alma adolescente”, refire ao respecto das migracións ao grupo mixto e outras prácticas “completamente antidemocráticas” que, ao seu ver, remataron no esfarelamento dunha marca que chegou a ser segunda forza empatada co PSOE.
UN OUTONO CON BORRASCA POLÍTICA
Todo apunta a que, con este caldo de cultivo, o outono político de Galicia virá cargado de borrascas. Ante a falta de citas externas, os tres partidos con representación parlamentaria ollan para dentro de cara a preparar o resto da lexislatura. Só no PP se agarda continuidade: o partido enfoca os congresos provinciais con vistas a recuperar poder municipal e, en consecuencia, as deputacións.
O óso máis duro está no PSdeG. Gonzalo Caballero anunciou o pasado xoves 23 a súa candidatura para as primarias de decembro. O de Ponteareas fixo a enésima chamada a unir filas pero evitou referir a posibilidade de que xurdan outras figuras para disputarlle o posto --sobre este silencio planean as sombras de González Formoso e Besteiro--.
Caballero someterase ás primarias do 30 de outubro despois de que a estrutura socialista de Ourense pase este mesmo domingo por un proceso interno ante a entrada dunha segunda lista, a de Noela Branco, que rivalizará con Fumega para representar ao PSOE ourensán no Congreso Federal de Valencia. No retrovisor queda tamén a chamada de atención de Ferraz ao escoller a José Miñones, unha das voces máis críticas cos resultados electorais de 2020, como Delegado do Goberno.
No BNG, a problemática estará no pulso co que Ana Pontón pretende reclamar un maior poder á UPG para "ensanchar as bases" da fronte. Pouco despois do anuncio da de Sarria, o secretario xeral da Unión, Néstor Rego, incidiu que Pontón era a “persoa idónea” para seguir liderando a formación frentista. A XVII asemblea nacional, prevista para o 7 de novembro, marcará o inicio dun ciclo político no que o BNG se ve por primeira vez con posibilidades de desbancar da Xunta ao todopoderoso PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.