Por Alberto Quian | Madrid | 11/07/2020 | Actualizada ás 22:00
A boca é unha porta de entrada e saída do coronavirus SARS-CoV-2, detectable na saliva de moitos contaxiados, polo que se fai necesario aplicar medidas de hixiene bucal preventivas para controlar a transmisión da Covid-19. Un equipo científico galego vén de demostrar a efectividade da povidona iodada en pacientes con esta enfermidade. Trátase, segundo estes investigadores, dun achado importante, xa que “até agora non se confirmara a eficacia da povidona contra o SARS-CoV-2”.
A detección do SARS-CoV-2 na saliva de contaxiados con Covid-19 fixo que esta sexa relevante en termos de diagnóstico e transmisión da infección. Como resultado, a clínica dental considérase unha contorna de risco para os profesionais e os seus pacientes, polo que se lles suxeriu o uso dun enxaugue bucal que conteña axentes oxidativos como peróxido de hidróxeno ao 1% ou povidona iodada ao 0,2%. Este protocolo, con pequenas variacións, foi aceptado polas principais asociacións profesionais de odontoloxía do mundo, como a Asociación Dental Americana.
“Os resultados preliminares in vivo suxiren que un enxaugue con povidona iodada podería reducir a carga viral de SARS-CoV-2 na saliva de pacientes con cargas virais máis altas”
Con todo, esa recomendación baséase en estudos in vitro (laboratorio) que demostraron que a povidona iodada ten unha actividade viricida significativa contra outros dous coronavirus anteriores: o SARS-CoV (virus da síndrome respiratoria aguda severa), aparecido en 2002; e o MERS-CoV (virus da síndrome respiratoria de Oriente Medio), identificado en 2012. Pero “ata a data, non se confirmou a eficacia da povidona contra o SARS-CoV-2”, apuntan os científicos de Galicia.
Agora, aportan unha primeira proba de que un enxaugue bucal con con este antiséptico pode ser eficaz para previr o contaxio de Covid-19. A demostración fíxose cun estudo in vivo, isto é, fixéronse probas en pacientes contaxiados nos que se atopou carga viral na saliva de SARS-CoV-2. En concreto, foron catro os pacientes que participaron no estudo, realizando un enxaugue de 15 ml con povidona iodada ao 1% durante un minuto, tomando mostras da saliva de cada un deles aos 5 minutos e pasadas unha, dúas e tres horas.
Que atoparon? “Os resultados preliminares in vivo suxiren que un enxaugue con povidona iodada podería reducir a carga viral de SARS-CoV-2 na saliva de pacientes con cargas virais máis altas”, explican os autores.
Así pois, e aínda que a mostra é limitada (catro pacientes), estes resultados convidan a suxerir que o uso de solucións bucais con povidona iodada pode ser unha medida de hixiene fundamental na loita contra a Covid-19 que podería ser estendida a toda a poboación.
Os investigadores cren que os “resultados alentadores” do seu estudo “xustifican a implementación dun ensaio clínico” para confirmar a eficacia desta solución.
"Por que limitar a súa aplicación á contorna da clínica dental e non administrala a toda a poboación?”, pregúntanse os autores do estudo.
“Se se demostra a actividade viricida dun enxaugue bucal antiséptico, por que limitar a súa aplicación á contorna da clínica dental e non administrala de forma rutineira a toda a poboación para evitar a transmisión comunitaria deste novo coronavirus?”, pregúntanse os autores deste estudo.
En particular, consideran que se podería indicar a súa administración “principalmente a pacientes sintomáticos infectados con SARS-CoV-2, especialmente durante a primeira semana de síntomas”, xa que “é cando as cargas virais na saliva son máis altas”.
Con todo, insisten en que se podería aconsellar a aplicación de povidona iodada “para a poboación en xeral” como “unha medida de prevención complementaria cando se prevé un escenario de risco”.
Os resultados, preliminares, foron adiantados na revista Oral Diseases, nun artigo titulado ‘Is povidone‐iodine mouthwash effective against SARS‐CoV‐2? First in vivo tests’, asinado por nove investigadores adscritos ao Grupo de Investigación en Microbioloxía e Infectoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Sergas-Universidade de Vigo), Departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), Grupo de Investigación de Odontoloxía Médico-Cirúrxica (OMEQUI) do Instituto de Investigación Santiaria de Santiago de Compostela - IDIS (Universidade de Santiago de Compostela) e Unidade de Enfermidades Infecciosas do Departamento de Medicina Interna do CHUVI.
OUTROS ESTUDOS
Investigadores do Grupo ETEP (Etiología y Tratamiento de las Enfermedades Periodontales y Periimplantarias) periodoncistas e docentes da Facultade de Odontoloxía da Universidad Computense de Madrid, tamén veñen de presentar os resultados dunha análise da literatura científica publicada ata o 30 de abril de 2020 sobre o efecto que pode ter sobre determinados tipos de virus o uso de colutorios con cloruro de cetilpiridinio (CPC), clorhexidina, solucións de povidona iodada e peróxido de hidróxeno, entre outros.
O artigo ‘Is the oral cavity relevant in SARS-CoV2 pandemic?’, publicado na revista Clinical Oral Investigations, conclúe que “o uso de colutorios antisépticos bucais con povidona iodada ou cloruro de cepilpiridino (CPC) poderían axudar a reducir a severidade da COVID-19 e o risco de transmisión mediante un descenso da carga viral na boca nos individuos infectados”.
Con todo, apuntan –ao igual que os científicos galegos–, que a eficacia da povidona iodada como viricida só foi probada até agora noutros virus e coronavirus anteriores ao SARS-CoV-2.
A presenza do virus na boca facilita a transmisión do mesmo, de persoa a persoa, a través das gotículas que pode emitir unha persoa infectada, ao falar, toser, exhalar, etc.
Estes investigadores tamén insisten en que a boca é unha das principais vías de entrada ao organismo, xunto co nariz e os ollos. E é nela onde o virus SARS-CoV-2 atopa unha alta densidade dos seus receptores específicos de unión. O mantemento do virus en boca facilita a transmisión do mesmo, de persoa a persoa, a través das gotículas que pode emitir unha persoa infectada, ao falar, toser, exhalar, etc.
Como informa a Complutense, algúns estudos de investigación básica mostran que o coronavirus SARS-CoV-2 é capaz de infectar cando se une de maneira específica a unha proteína transmembrana, denominada ACE2, presente nalgunhas células do noso corpo. Este receptor atópase na maioría das células dos alvéolos pulmonares, por iso o virus afecta tanto o sistema respiratorio.
En concreto, o SARS-CoV-2 ten as glándulas salivares como reservorio en pacientes asintomáticos, e ancórase á lingua, enxivas e padal. Un dos estudos máis recentes, publicado en febreiro 2020, demostra que os receptores ACE2 se atopan en alta densidade na boca, especialmente, sobre a superficie da lingua.
Por todo iso, apuntan estes autores, “a boca pode ser considerada tanto unha porta de entrada/saída do virus e en si mesma un foco de alto risco para o desenvolvemento da enfermidade por coronavirus (COVID-19) debido á presenza de receptores ACE2”.
Outra cuestión relevante, apuntan estes investigadores, refírese á carga viral e como esta está directamente relacionada coa gravidade da enfermidade. O uso de enxaugues bucais con antisépticos axudaría a diminuíla e, en consecuencia, a reducir a gravidade da enfermidade, así como a transmisión.
Con todo, segundo os científicos da Complutense, “estas recomendacións deben validarse con ensaios clínicos ben deseñados que avalíen a súa eficacia”. Ese é, precisamente, o camiño que iniciaron os investigadores galegos con estudos in vivo, que achegan a que podería ser unha das primeiras evidencias científicas da eficacia do enxaugues con povidona iodada contra o SARS-CoV-2.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.