Por Europa Press / Redacción | Madrid / Santiago de Compostela | 13/07/2020 | Actualizada ás 11:05
A portavoz da Executiva de Podemos, Isabel Serra, evitou sinalar causas concretas do trompazo que sufriu a súa formación nas eleccións vascas e galegas deste domingo, e explicou que o que lles toca agora é ter unha "reflexión colectiva" e "autocrítica", para analizar a "realidade complexa" que deu lugar a eses malos resultados; unha tarefa que comezarán esta semana coa reunión da Executiva, que non se reuniu este luns, pero que terá lugar "os próximos días".
Iso si, a dirixente reivindicou a xestión do secretario xeral 'morado' e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, e da dirección estatal do partido, ao lembrar que esta foi "revalidada" na Terceira Asemblea Cidadá Estatal de maio.
"Acabamos de ter unha asemblea cidadá en Podemos que revalidou a dirección que temos actualmente. Esa dirección e o conxunto da organización, cos nosos compañeiros de Euskadi e Galicia, temos que ter unha reflexión para saír máis fortes no futuro", afirmou, ao ser preguntado sobre se o liderado de Iglesias se ve cuestionado por estes resultados, e sobre se corresponde esixir responsabilidades á dirección.
JUNQUERAS
O exvicepresidente do Govern e líder de ERC, Oriol Junqueras, celebrou este luns o resultado logrado "polas forzas independentistas e esquerdas" nas eleccións do País Vasco e Galicia.
"Zorionak @ehbildu! Parabéns @obloque!", destacou nunha mensaxe na súa conta de Twitter recollido por Europa Press.
Para Junqueras, as formacións independentistas e de esquerdas conseguiron "grandes resultados" en ambos os territorios.
"TANDEM FEIJÓO-CASADO"
O PP de Madrid xa lle ve as orellas ao lobo e fai seus os resultados de Feijóo. Así, o vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos, asegurou que este domingo se cultivou "un éxito do tándem" formado por Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, e recalcou que o modelo de Galicia é o que queren "implantar" a nivel estatal. Ademais, subliñou que os "dous derrotados clarísimos" este 12 de xullo son Pedro Sánchez e Pablo Igresias, cuxo Goberno de coalición "estrelouse no primeiro test" electoral tras a pandemia.
Nunha entrevista en Telecinco, recollida por Europa Press, Montesinos indicou que o triunfo nas eleccións galegas é "dos dous", tanto de Feijóo como de Casado. De feito, sinalou que así o "remachou o propio presidente da Xunta" onte á noite na súa comparecencia tras confirmarse a súa cuarta maioría absoluta.
O dirixente do PP indicou que en Galicia van ter un Goberno "centrado nas preocupacións reais de todos os galegos, moderado e cunha folla de ruta clara" para avanzar na recuperación económica tras a crise do coronavirus. E recalcou que se se queren as políticas de Feijóo "a clave é apostar polo PP a nivel nacional".
"ESTRATEXIA DA CRISPACIÓN"
Pola súa banda, o secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, asegurou este luns que os resultados das eleccións autonómicas en Galicia e País Vasco evidenciaron o fracaso da "estratexia de crispación do PP" fronte á "tese da moderación" dos socialistas e asegurou que a Feijóo lle foi "mellor" escondendo as siglas da súa formación.
Nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press, o dirixente socialista instou á formación de Pablo Casado a tomar "nota" de que a oposición "ruda, de derriba ao Goberno" e que vai a "remolque da ultradereita" non funciona.
"Todo indica que non hai que ir por eses camiños", afirmou, para despois sinalar que "cabe esperar un ton moito máis moderado" e que permita "chegar a acordos" entre partidos. "Oxalá tomen nota desta reflexión", apuntou.
PATRONAL GALEGA
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) felicitou este luns o PPdeG polo resultado electoral obtido este domingo, xa que "contribúe", dixo, "a unha estabilidade imprescindible" para "afrontar a recuperación económica, máis urxente e necesaria que nunca".
A continuación, pediu que o novo Goberno que configure Alberto Núñez Feijóo traballe "con prema e resolución no labor de reconstrución económica de Galicia" tras o pico da COVID-19.
Para iso, considera que é preciso pór en marcha canto antes o 'Plan de reactivación e dinamización económica'; e impulsar a competitividade dos sectores produtivos e a creación de emprego, pondo o foco no crecemento intelixente sobre a base do I+D+i e a modernización tecnolóxica e dixital, a variante enerxético ambiental e a sanitaria-social.
Entre os deberes da patronal galega está tamén abordar a reindustrialización de Galicia; fortalecer as políticas activas de emprego e os plans de formación das empresas para potenciar a capacidade das persoas; así como captar e reter o talento e o posicionamento de Galicia como un referente para a atracción de investimentos.
Tamén "procurar a chegada definitiva" do AVE; frear o declive demográfico e atender á cohesión social e ao medio rural; e defender os intereses de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico.
PSPV
Por outra banda, o 'president' da Generalitat e líder do PSPV, Ximo Puig, felicitou aos candidatos a seguir como presidentes en Galicia e Euskadi polos resultados deste domingo, unhas eleccións nas que cre que gaña a estabilidade e "demóstrase a fortaleza do estado autonómico".
En rolda de prensa, o dirixente socialista puxo en valor o resultado "aceptable" do seu partido en ambas as comunidades pondo en valor o "gran esforzo" que realizaron en plena pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.