A Xunta deixa desatendida a área do Salnés para atender aos turistas de Sanxenxo coa ambulancia de Vilagarcía

"Xa tiñamos en mente que isto podía pasar, pero o que non pensabamos é que xa o fixeran o día despois de gañar as eleccións", critican desde Prosagap.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Xunta deixará toda a área sanitaria do Salnés sen ambulancia medicalizada durante os meses de verán para atender aos turistas de Sanxenxo e Portonovo. É a decisión que está articulando o Sergas e da que os traballadores se enteraron sen que haxa, aínda, unha confirmación oficial.

Prosagap denuncia que a ambulancia de Vilagarcía será trasladada para Portonovo para atender aos turistas
Prosagap denuncia que a ambulancia de Vilagarcía será trasladada para Portonovo para atender aos turistas

Fontes do sindicato sanitario Prosagap denuncian a Galicia Confidencial que, con esta medida, toda unha importante área como é a do Salnés quedará sen atención médica directa. A actual ambulancia, con base en Vilagarcía e que atendía concellos como os do Grove, Cambados, a Illa, Vilanova, Ribadumia e Meaño, será trasladada en breve para Portonovo. 

De feito, a Xunta sempre reforzaba esta zona con outra ambulancia medicalizada no verán para atender a enorme afluencia que se rexistra na zona, especialmente de turistas madrileños, que acoden a Sanxenxo e Portonovo. Pero, este ano, decidiu prescindir desta ambulancia e desprazar a que había en Vilagarcía.

"Non ten sentido que a despracen de Vilagarcía a Portonovo porque deixan toda a zona do Salnés descuberta. Portonovo e Sanxenxo ben podían estar atendidas pola ambulancia de Pontevedra, ou mesmo a de Vilagarcía, no caso de ser necesario", apuntan as fontes consultadas. "Semella que volve ser unha decisión política e turística antes que sanitaria", engaden.

Foi no mes de outubro pasado, e logo de numerosas protestas, cando a Xunta decidiu instalar unha ambulancia medicalizada en Vilagarcía. O mesmo fixo en Monforte e en Foz, na Mariña. Con todo, xa nese momento a decisión foi moi criticada porque o Sergas reduciu a dotación habitual deste servizo, que consiste nunha médica, enfermeiro e dous técnicos, a unha médica, un enfermeiro e un técnico. "Entón xa dixemos que se trataba dun servizo low-cost", apuntan estas fontes. "Xa tiñamos en mente que isto podía pasar, pero o que non pensabamos é que xa o fixeran o día despois de gañar as eleccións", critican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Braisiño

Que "La Voz de Galicia" saque esta noticia é a proba evidente de que xa pasaron as eleccións.