Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2020 | Actualizada ás 20:04
A Real Academia Galega (RAG) lembra con motivo do aniversario da morte de Rosalía de Castro o discurso de ingreso como académico de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020 e quen dedicou parte da súa intervención á escritora.
"Estudar a Rosalía é estudarnos a nós mesmos", pronunciou o autor ferrolán no seu discurso de ingreso na Academia e que pode descargarse na páxina web da institución que preside Víctor F. Freixanes.
"Dous sentimentos, desmasiado fondos os dous para non embargar o meu ánimo con emoción punzante, son donos de min no presente instante. Por unha banda, sinto como unha ocasión solemne na miña escura vida este momento en que, beneficiándome da vosa ilimitada benevolencia, entro a formar parte dunha corporación ilustre, que hai medio século iniciaba, baixo a presidencia de Murguía, a súa patriótica tarefa".
Así arrinca o discurso de Calero, no que o ferrolán dedica un espazo importante a Rosalía, de cuxo falecemento se cumpren 135 anos este mércores 15 de xullo.
"Carvalho Calero contribuíu ao máximo a dar visibilidade á obra de Rosalía en todos os lugares aos que chegou", sinala a profesora da USC Carmen Branco.
"Tiña que morrer en Padrón. Quixo, antes, ver, unha vez máis, o mar. Foi a Carril na súa procura. Regresou despois á súa casa da Matanza. Alí expirou ao mediodía do mércores 15 de xullo de 1885", escribiu Calero sobre o falecemento de Rosalía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.