Os estudantes galegos que estiveron de Erasmus seguen agardando polas axudas da Xunta

Malia que o curso académico 2019/2020 xa rematou, os estudantes non teñen información de cando se lle aboará a contía. A Xunta asegura que "a contía será aboada antes de que remate o verán".

Por Sara Gil | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia presenta cada ano as axudas Erasmus. Estas axudas son destinadas aos alumnos que se encontran no programa de mobilidade Erasmus+ ese mesmo curso.  

Estudante Erasmus.. JCCM
Estudante Erasmus.. JCCM

A inscripción das axudas sae a comezos de ano, en xaneiro. Para acceder a elas, tense que pedir a Chave 365 vía internet (entregando o DNI electrónico) ou preguntando no centro de saúde para acceder á sede electrónica. Isto, realmente, é un problema, xa que se o alumno se encontra no seu país de destino, pode ter problemas en acceder a axuda: sexa porque non ten o DNI electrónico activado ou sexa porque non ten a ningún titor legal que poda ir ao centro de saúde. "Partimos dunha base que é desigual polo feito de que algúns alumnos non poidan acceder a ela por problemas externos", comenta unha das estudantes afectadas a Galicia Confidencial.

ESPERA SEN RESPOSTA

Por outra banda, ainda que a inscripción se faga en xaneiro, a Xunta de Galicia non publica a lista de admitidos ata o oito de maio, "algo que é totalmente incomprensible", engade esta estudante de Xornalismo. A día de hoxe, 17 de xullo, aínda non hai ningunha información sobre cando os alumnos recibirán as axudas.

Precisamente, o alumnado que recibe esta axuda xa acabou a súa estadía académica no seu país de destino. Algúns dos estudantes intentaron contactar coa Consellería de Educación para falar sobre este tema, pero non recibiron resposta ningunha. 

Con todo, a Xunta, en declaracións a Galicia Confidencial, indicou que está previsto que "a resolución das axudas saia publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días" e que "a contía sera aboada antes de que remate o verán". 

Estudantes consultados destacan que cheguen xa os cartos, pero critican que estas axudas cheguen ao rematar ao verán. "Xa que hai meses que rematamos a nosa estadía no estranxeiro e esta axuda non se destinará para o que é: mellorar a experiencia Erasmus", denuncian. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta