Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/07/2020 | Actualizada ás 17:44
O BNG rexistrou un escrito para pedir á Xunta Electoral que solicite a Fiscalía unha investigación polo traslado de persoas maiores desde unha residencia de anciáns ata o colexio electoral de Rairo, na cidade de Ourense, nos comicios galegos do pasado 12 de xullo.
A través dun comunicado, a formación nacionalista advirte que estes feitos poden constituír "posibles delitos electorais, así como posibles delitos por coaccións e contra a saúde pública", xa que "aínda a día de hoxe" a Residencia San José "teñen restrinxidas as visitas".
Durante o desenvolvemento da xornada electoral, o Bloque xa puxo en coñecemento da Xunta Electoral Provincial "irregularidades" nesta mesa electoral de Rairo despois a través de varias apoderadas que deixaron constancia diso na acta da propia mesa.
Entre os acompañantes dos anciáns, aseguran, atopábanse "monxas e persoal do centro e non familiares". Ademais, apunta o BNG, os maiores contaban "con capacidades físicas mermadas" e acudiron ao lugar en vehículos dos profesionais do xeriátrico. Así, a formación fixo constar na acta esta práctica e as matrículas dos automóbiles.
Tras pór estes feitos en coñecemento da administración electoral, agora o Bloque quere que se comunique á Fiscalía para investigar "posibles delitos electorais, así como posibles delitos por coaccións, delitos contra a saúde pública e outros dos que non puidésemos dar indicios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.