Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2020 | Actualizada ás 20:41
Antón Dobao, un dos fundadores de Anova-Irmandade Nacionalista, anunciou que abandona a dirección da organización soberanista, na que ocupaba o cargo de responsable de Relato desde a IV Asemblea Nacional celebrada o pasado mes de decembro.
Nun comunicado colgado no seu 'blogue' e compartido en redes sociais, o escritor anunciou que esta semana presentou a súa dimisión como membro da Comisión Permanente de Anova, unha decisión que vincula cos "espantosos" resultados da coalición Galicia En Común-Anova Mareas nas eleccións do 12 de xullo, onde non logrou representación.
Dobao, que foi un dos promotores no ano 2012 de Anova, manifesta que entende que coas autonómicas "péchase unha etapa e que con iso nada debería ser o mesmo para o ciclo que se abre".
"No fondo, esa era a intención cando se iniciou todo isto que demos en chamar, se cadra de forma un pouco hiperbólica, proceso de ruptura. Este fin de fase debe mostrar, entre outras cousas, as propias limitacións do proceso e das forzas que se puxeron en marcha para conducilo", sinala Dobao, que teoriza no texto sobre o últimos oito anos no espazo político da unidade popular.
"Eu, que sigo acreditando na necesidade que orixinou Anova, na propia 'Idea Anova' e no proceso que fixo posible, seguirei acompañando o proceso. Mesmo nos tempos en que decida hibernar, se así o fixese", pecha o escritor.
A de Dobao é a segunda marcha da dirección de Anova dun dos seus referentes tras as autonómicas. O primeiro en abandonar as súas responsabilidades orgánicas na formación foi o exalcalde de Santiago e Teo Martiño Noriega, que anunciou tres días despois do 12J que deixaba a política activa.
O pasado sábado, Anova acordou a apertura á volta do verán dun proceso de "autocrítica e reflexión" tras os "moi negativos" resultados da coalición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.