Por gcaberto | GC ABERTO | 02/08/2020
No marco da Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para mellorar o noso mundo, UNICEF e a Xunta de Galicia implicáronse no avance do ODS 2, Fame cero, a través da prevención da desnutrición crónica na infancia de Malí.
O proxecto persegue previr a desnutrición crónica que sofren un 31% das nenas e nenos nas rexións de Kayes, Mopti e Sikasso, algunhas das zonas máis pobres e vulnerables do sur de Malí, a través da implementación de accións que entran dentro da “xanela dos 1.000 días” –desde o embarazo ata que o bebé cumpre dous anos de vida-.
As accións centraranse, entre outras, na promoción e apoio á lactación materna, a mellora da alimentación complementaria a partir dos 6 meses de idade, a subministración de vitamina A, ferro, acedo fólico e zinc terapéutico, e a provisión de micronutrientes.
Esta intervención inclúe o fortalecemento das capacidades das familias máis vulnerables, para que estean máis preparadas para previr futuros casos de desnutrición crónica.
“Reforzaremos as actividades de sensibilización e participación das familias, de tal forma que as nais e pais estean cada vez mellor informados e conten con máis habilidades sobre as boas prácticas de alimentación para os seus bebés, as formas de variar a súa dieta, os beneficios da lactación materna exclusiva e as prácticas de alimentación e hixiene que afectan negativamente á saúde e benestar dos seus nenos” subliñou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.