Unha oportunidade excepcional

O fondo de recuperación europea acordado o pasado 21 de Xullo supón unha oportunidade histórica de alcance aínda imprevisible para Galicia. As vindeiras xeracións non nos perdoarán que perdamos a que parece xa derradeira ocasión de colocar o país na senda da modernidade.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 06/08/2020

Comparte esta noticia

Hai dez días, os países da UE chegaban a un acordo cualificado de histórico polo que España recibirá 140.000 millóns de euros do fondo dotado para a recuperación europea trala crise da covid-19. O fondo non só pretende responder os desafíos da pandemia senón tamén abordar as transformacións de futuro que os países europeos necesitan. 

Patacas galegas nun campo de cultivo.. XUNTA - Arquivo
Patacas galegas nun campo de cultivo.. XUNTA - Arquivo

Agora, atentos/as ás condicións do fondo, que debe ser aplicado ao desenvolvemento dunha economía sustentable e neutral respecto ao clima con incidencia concreta, entre outros, nos seguintes aspectos:
- Apoio a sectores clave e investimento nas cadeas de valor críticas
- Cohesión territorial
- Desenvolvemento rural, reformas estruturais de acordo ao Pacto Verde Europeo; principio “da granxa á mesa”
- Investimentos estratéxicos con preferencia en Investigación e innovación

Traducido: unha inmensa oportunidade para transformarmos o rural galego nun eixo do progreso para o país.

A salvación do rural galego

Alguén (escasamente informado) poderá preguntar: por que temos que transformar o rural galego?

Primeiro, porque a produción agraria vexetal, unha das claves absolutas do futuro económico no planeta, de Galicia leva décadas perdendo cota nos mercados españois e europeos. Porque a superficie agraria utilizada de Galicia está á cola de Europa, con cifras que producen auténtica vergoña. Porque a produtividade da terra en Galicia atópase a unha notable distancia das medias europeas. E porque o rural galego amosa unha especialización tráxica e ruinosa nun produto nocivo e de mínima repercusión nas cadeas de valor da economía de Galicia: o eucalipto.

Non imos repetir as cifras e os argumentos mil veces expostos en torno a esta especie arbórea exótica e invasora. Abonda con lembrar que Galicia é o único país europeo (posiblemente mundial) que converteu en hexemónica unha especie alóctona; que os países europeos con maior especialización forestal coma Finlandia, Estonia, Lituania, Alemaña, Francia, Suíza ou Austria, non teñen unha soa explotación de eucalipto no seu territorio e amosan cifras de rendemento moi superiores ás do monte galego. E así mesmo presentan cifras notablemente superiores de produtividade sobre a terra países con especialización agraria coma Dinamarca, Países Baixos ou Irlanda.

Permitan so unhas poucas cifras ilustrativas. A produción do sector primario en Galicia ronda os 3.400 millóns de euros que se distribúen en 2/3 de produción animal e o restante 1/3 de produción vexetal. Nos Países Baixos, de tamaño comparable (un 40% maior), a produción agraria é de 28.900 millóns. Outra realidade semella posible se un decide aplicar políticas radicalmente distintas ás actuais.

En termos máis próximos, se Galicia representa o 5,8% da superficie española, a súa produción agrícola supón o 4,3%. En canto á superficie agraria utilizada, a comparativa é aínda máis desfavorable: implica unicamente o 2,7% do total español. Tales diferenzas negativas prodúcense a pesar de contar Galicia cun clima benigno para o agro e un solo sen área desertizada ningunha, a diferenza das CCAA do centro e leste de España. De feito, a superficie agraria en Galicia é maioritariamente de secano mentres que no resto da península predomina o regadío.

Aínda que as cifras do eucalipto en Galicia representan unha especie de buraco negro, pódese estimar que esta árbore exótica e invasora ocupa arredor de 600.000 Has. de terreo, xa moi preto da superficie total dedicada a agricultura (brutal pero absolutamente real). O abandono do campo reflíctese outrosí na superficie improdutiva, matogueira en xeral, que alcanza as 900.000 Has. Queren máis argumentos a prol da revolución do rural galego?
Os efectos da situación resumida nos parágrafos anteriores vese cada vez que facemos a compra nun supermercado galego e comprobamos que a maioría das hortalizas proceden de Andalucía, Murcia, Navarra ou La Mancha; a maioría das legumes de Andalucía ou das Castelas; a maioría da froita de Aragón, Comunidade Valenciana ou Cataluña, e ata a maioría das patacas proceden de Castela-León cando non de Francia. 

Toca decidir e actuar

A revolución do medio rural en Galicia resulta imprescindible se queremos ter un futuro dentro da economía europea que a pandemia parece ter inaugurado. A erradicación do eucalipto e a súa substitución por árbores autóctonas e produción agraria vexetal cumpre todos e cada un dos postulados da economía verde, crearía milleiros de postos de traballo de diversa índole, estimularía a economía polo efecto multiplicador sobre a industria, propiciaría actividade innovadora e recuperaría unha paisaxe noutrora amplamente admirada.

A resistencia contra este gran proxecto viría do argumento habitual: o eucalipto garante ingresos complementarios para miles de pequenos propietarios. Tal argumento é unha falacia: calquera outra explotación produciría rendementos superiores mentres que os propietarios se beneficiarían ben do alugueiro das terras ou ben da súa participación nos rendementos xerados polos novos cultivos. A cuestión é fomentar unha estrutura produtiva que faga rendible a explotación do bosque autóctono e a produción vexetal; como non podería ser doutro xeito, os beneficios consecuentes haberanse distribuír en función do valor das achegas de cada participante.

Quen ha liderar a metamorfose do rural galego? Se cadra habería preguntarse a quen lle interesa máis. En principio, interésalle ao goberno central quen ten a obriga de transformar o modelo económico español e facelo menos dependente do turismo e o ladrillo. Debería interesarlle especialmente á Xunta de Galicia cuxa obriga pasa por propiciar o desenvolvemento sostible do país inda que os antecedentes (anteriores executivos de Feijóo) non nos permiten ser optimistas. Debería interesarlle aos principais partidos da oposición comprometidos co obxectivo de dotar a Galicia dos instrumentos óptimos para unha competitividade baseada na industria sostible e a protección ao medio e á biodiversidade. E interesaralle tamén ás administracións provinciais e municipais: ás deputacións porque se lles ofrece unha magnífica ocasión de demostrar a súa vixencia estratéxica e aos concellos como beneficiarios potenciais do fondo de recuperación (así queda explicitado nos programas aprobados pola UE).

Menos a ENCE (para cando a anulación da concesión prorrogada polo goberno en funcións de Rajoy?) e a algún empresario acomodado da madeira, a transformación do rural galego debería interesar a tódolos niveis da Administración. Pedro Sánchez, como xestor supremo do fondo de recuperación, debe tomar partido, así como a galega Nadia Calviño e Luis Planas, principais ministrxs afectadxs. Núñez Feijoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero deben amosar o seu compromiso e determinación. Pilar Cancela, Yolanda Díaz, Néstor Rego, Valentín G. Formoso, Carmela Silva ou Xosé Tomé deben asumir un papel relevante tamén. Non nos poden fallar. As vindeiras xeracións non llelo perdoarían.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego