Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/08/2020 | Actualizada ás 12:05
A Deputación de Pontevedra abriu o prazo para participar na ruta 'Os viñedos do castelo', unha iniciativa que ofrece unha "nova forma" de achegarse ao Castelo de Soutomaior na que "se combina historia cun percorrido polos viñedos, cata e espectáculo teatral".
Así o informou a institución provincial nun comunicado de prensa, no que indica que esta iniciativa combina "historia cun percorrido polos viñedos, cata do caldo 'Pedro Madruga' e espectáculo teatral a cargo de Rosso&Bianco.
A actividade, cuxo prazo de inscrición abre este luns a través da súa paxiña web, terá lugar os días 20, 21, 27 e 28 de agosto e 3 de setembro ás 19,00 horas e terá un aforamento máximo limitado a 15 persoas.
As mesmas fontes indicaron que esta actividade durará 90 minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que trasladará a experiencia natural do percorrido.
A institución provincial destacou que o obxectivo desta iniciativa "é promover o produto local e actividades sustentables e respectuosas co medio ambiente, dando a coñecer ás persoas participantes experiencias do patrimonio histórico e natural".
A actividade, cun prezo de oito euros por persoa, está dirixida, indican as mesmas fontes, "a persoas amantes do enoturismo, con interese en aprender e coñecer en que consiste o proceso de vendima nun contorno natural privilexiado, á beira dun castelo medieval e dun xardín de excelencia internacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.