Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2020 | Actualizada ás 11:22
O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.
Tendo en conta os datos de matrícula, o próximo curso escolar deixarán de prestar servizo educativo dúas escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). A Xunta mantén o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados para a continuidade.
Ademais das unidades que se modifican a través da citada orde (creacións ou supresións), habilitaranse unidades específicas para facilitar o desdobramento de aulas, reforzándose especialmente a dotación de profesorado para o próximo curso 2020-2021, para facer fronte á situación creada pola COVID-19 e adoptar, deste xeito, medidas de prevención e seguridade nas aulas.
NOVAS CONTRATACIÓNS
Neste sentido, a Consellería de Educación autorizou a creación ou habilitación de 158 novas unidades (grupos de clase) en centros públicos de educación Infantil, Primaria e Educación Especial, o que levará consigo a incorporación de 240 novos mestres o próximo curso escolar.
O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, cando se dispoña dos datos definitivos tras o peche da matrícula na totalidade dos centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.