Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2020 | Actualizada ás 12:37
As comarcas da Coruña e Ferrol son as que rexistraron un maior número de incidencias, ningunha delas grave, derivadas das choivas intensas caídas nas últimas horas, que deixaron un máximo de 92 litros por metro cadrado acumulados no que vai de xornada ata as 12,00 horas en Guísamo, no municipio coruñés de Bergondo.
O norte da comunidade galega estaba este mércores en risco por precipitacións intensas e, de acordo coa información facilitada por Meteogalicia, a choiva acumulada en Lanzós, en Vilalba (Lugo), ata o mediodía era de case 89 litros por metro cadrado, mentres que no Val, en Narón (A Coruña), era de 85,5; en Labrada, en Abadín (Lugo), era de 81,6; e en Marco da Curra, en Monfero (A Coruña), de 78.
En canto aos ventos, sopraron con forza de máis de 50 quilómetros por hora en Burela (Lugo), con 54,2 de máxima; Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), onde se alcanzaron os 50,3; e en Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), onde chegaron a 50,2.
Estes niveis de precipitacións provocaron algunhas incidencias, ningunha delas "destacada", segundo o 112. Na Coruña tívose que intervir por seis casos de canlóns atrancados, ademais de problemas en catro terrazas e dúas caídas de cascallos, indicou o responsable de emerxencias do Concello, Carlos García Touriñán.
A maior parte das incidencias comunicáronse entre as 6,00 e as 9,30 horas deste mércores, agregou e explicou que os atascos se deberon a que, debido ao longo período sen choivas, os canlóns acumularan sucidade. En calquera caso considerou que se trata de problemas habituais cando chove con intensidade.
Os bombeiros de Ferrol tiveron que atender "bastantes" incidencias desde as 7,00 horas de hoxe, aínda que se rexistraron algunhas xa pola noite. Producíronse, sobre todo, atascos en canlóns, desbordamentos de sumidoiros e algunhas inundacións, como a dun comercio na rúa Real.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.