Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 19:06
A Asociación de Hostalería de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela rexeita a súa "criminalización" e cuestiona a legalidade das medidas adoptadas por mor da detección de rebrotes da COVID-19, que ve "arbitrarias" e polas que estuda emprender accións ante a xustiza.
A través dunha nota de prensa, esta asociación advirte de que o dano que lles supón o peche do lecer nocturno será "dificilmente reversible" e por iso suporá peches e afectación para o emprego, polo que pide apoio ao goberno municipal, do PSOE, e ao pleno da corporación.
Manifestando a súa desconformidade polas medidas "adoptadas pola Xunta a requirimento do Goberno de España", o colectivo indica que o peche dos establecementos de lecer nocturno e a redución horaria para todos os establecementos de hostalaría crea unha situación "de inseguridade xurídica" para un sector "que en todo momento asumiu con responsabilidade e profesionalidade" as accións sanitarias, "as máis estritas e restritivas".
Desde o seu punto de vista, o cumprimento destas medidas "vén avalado polos datos sanitarios da área sanitaria, na que os ingresados en UCI no momento no que se ordena o peche é de cero pacientes".
SEN APOIO
"Non podemos comprender nin aceptar a criminalización da nosa profesión e pomos en cuestión a legalidade dunhas medidas que consideramos totalmente arbitrarias", subliña.
E cita ao Tribunal Superior do País Vasco para resaltar que a relación da expansión da COVID-19 e o lecer nocturno "carece de todo fundamento".
Critica, ademais, que o peche non vén acompañado de medidas de apoio nin de data de finalización. "Nin o goberno do noso concello nin a oposición poden seguir en silencio mentres se ataca ao principal motor económico da nosa cidade sen mediar motivo algún", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.