O accidente de hidroavión no que morreu un piloto produciuse ao ascender unha ladeira "moi pronunciada"

O home de 65 anos faleceu mentres era atendido polos servizos de emerxencia e tras saír polo seu propio pé da aeronave.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O sinistro dun hidroavión de loita contra o lume o pasado 8 de agosto en Lobios, no que faleceu un piloto, produciuse cando a aeronave "realizaba un ascenso" voando "por encima dunha ladeira de pendente moi pronunciada" no Xurés, tras o que "se precipitou contra o terreo".

Así figura nas pescudas preliminares levadas a cabo pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) --adscrita ao Ministerio de Transportes--, despois de que un equipo de investigadores se desprazara á zona. Agora, están pendentes de publicación as conclusións do informe técnico definitivo.

"Os dous ocupantes resultaron feridos de gravidade, pero puideron abandonar o avión polos seus propios medios e afastarse ata quedar fóra do alcance das chamas", relata o informe. Posteriormente, "o copiloto (un cidadán portugués de 65 anos) faleceu mentres era atendido polos servizos de emerxencia e o piloto foi trasladado en helicóptero a un centro hospitalario de Portugal".

As brigadas de extinción de incendios que estaban a traballar na zona desprazáronse "de inmediato" ao lugar do accidente e puideron sufocar o lume causado polo impacto da aeronave. O hidroavión resultou destruído.

INCENDIO DE MÁIS DE 400 HECTÁREAS

En concreto, a nave sinistrada pertence á empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións --dous operativos e un en reserva-- operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco.

O incendio forestal, que entrou desde Portugal e afectou á parroquia de Manín, en Lobios, quedou extinguido o 12 de agosto despois de arrasar 425 hectáreas no parque natural do Xurés.

Fotografía do accidente subida pola Asociación de Traballadores das BRIF pertencentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (@AT_Brif). @AT_BRIF
Fotografía do accidente subida pola Asociación de Traballadores das BRIF pertencentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (@AT_Brif). @AT_BRIF | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta