Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2020 | Actualizada ás 11:44
O Salón do Cómic da Coruña vén de clausurar a súa vixésimo terceira edición 'vencendo' á covid "como o máis eficaz dos superheroes". A reunión Viñetas desde o Atlántico pechou así a súa fin de semana clave nunha edición que dende a organización xa califican como "sen dúbida a máis estraña de toda a súa historia" por ter coincidido cunha pandemia que "estivo a piques de impedir a súa celebración".
Así, os responsables da cita -que tivo lugar na área sanitaria máis afectada de toda Galicia- destacan as "dificultades de organización do encontro", que se viron multiplicadas "ata o infinito".. Con todo, e tras unha serie de limitacións e a colaboración dos asistentes, aseguran ter chegado a unha edición "case case normal". Así o destaca o seu director, o debuxanete Miguelanxo Prado: “Tivemos claro que ou non se podía facer ou, se se facía, veriamos a botella medio chea desde o minuto un".
CONFERENCIAS EN LIÑA
Con todo, destaca que unha vez rematado "podemos dicir que a botella está case chea; a actitude do público foi excepcional, mantendo un comportamento cívico e de respecto ás normas sociosanitarias impostas. Iso é o que nos permitiu manter o festival en marcha estes sete días”, apuntou.
A XXIII edición de Viñetas dende o Atlántico veu marcada por unha normativa sanitaria que, en certo modo, desdibuxou a estampa habitual dun certame que adoita congregar colas quilométricas para recibir unha sinatura e ateigar salas para atender conferencias. Neste aspecto, dende a organización destacan o éxito das charlas emitidas en directo a través da web, vistas por case 2.000 afeccionados. As exposicións continuarán abertas ao público ata o 13 de setembro, en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas.
As exposicións continuarán abertas ao público ata o 13 de setembro, en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.