Estréase Bibopalula, a primeira serie de debuxos en Galego

As máis e os máis pequenos xa teñen un contido inédito en Galicia para a súa aproximación ás pantallas. Trátase de Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en lingua galega, que veñen de estrear a produtora Undodez e a Televisión de Galicia a través de xabarin.gal e a aplicación móbil do Xabarín.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2024 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, que son tamén directora e guionista da serie, conta con 55 capítulos de 5 minutos na súa primeira temporada, co paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin como protagonistas. Os catro forman a Banda do Bosque, un grupo musical ao que se unen en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces dalgunhas das actrices e actores máis coñecidos polo público en Galicia como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán.

Fotograma da serie Bibopalula
Fotograma da serie Bibopalula | Fonte: undodez.gal

Os ciclos naturais do bosque, desde a chegada do inverno ata a das cegoñas, son tamén protagonistas dunha serie que ten na música un dos seus grandes valores: cada un dos episodios remata co videoclip dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.

Nunca antes o público infantil no tramo de idades de 3 a 6 anos contara cun contido musical na nosa lingua, feito integramente por profesionais e empresas galegas. Esta aposta de Undodez responde ao compromiso da produtora que lideran o actor Xosé A. Touriñán e os produtores Álvaro Pérez Becerra e Javi Lopa coa produción en galego e desde Galicia.

Bibopalula conta coa participación da Televisión de Galicia, e co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A canle pública autonómica estreará en exclusiva a serie a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís, antes de que viaxe por outros territorios e noutras linguas a través de diferentes operadores.

A aplicación do Xabarín e xabarin.gal estreou este venres, 29 de novembro,os primeiros vinte episodios, e ao longo desa fin de semana Bibopalula contará cun stand no Culturgal, que se celebrará en Pontevedra, onde se dará a coñecer entre o público e terá lugar unha presentación aberta ás familias.

Fotograma da serie Bibopalula
Fotograma da serie Bibopalula | Fonte: undodez.gal

Ao longo do mes de decembro está prevista unha intensa campaña de promoción, que incluirá a publicación dun conto infantil, a aplicación móbil da serie, ou contidos complementarios a través de YouTube e as principais plataformas de música en streaming. A partir de xaneiro está prevista a publicación dunha unidade didáctica que recollerá contidos relacionados co coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos.

Undodez xa traballa, da man da produtora de artes escénicas Ainé, na produción do espectáculo musical en vivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta