Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2020 | Actualizada ás 12:50
O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia destaca que, segundo os estudos realizados polo Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas, a metade dos nenos que necesitan lentes non as usan por descoñecemento dos seus pais.
"Os menores non deberían pasar máis de dúas horas ao día diante pantallas e, pola contra, debe fomentarse, agora que comeza o curso, que se inscriban en actividades extraescolares que fomenten unha vida activa e ao aire libre, xa que a realidade actual que coñecemos é que os mozos só están unha hora ao día gozando de actividades no exterior, o que prexudica non só á súa visión, senón tamén á súa saúde en xeral”, destaca o presidente do Colexio, Eduardo Eiroa. “Só tres de cada dez nenos acudiron algunha vez a revisións visuais, cando o máis recomendable é ir a consulta do óptico-optometrista polo menos unha vez ao ano, e máis agora ao comezo do curso escolar”, indica Eiroa.
Algún dos síntomas nos máis pequenos son engurrar o cello, chiscar os ollos, irritación, dores de cabeza, tropezar con facilidade, torcer un ollo, cometer erros ao copiar palabras ou números da lousa, achegarse demasiado para ler un libro ou manexar o computador ou a tablet, baixa comprensión da lectura ou fotofobia (exceso de sensibilidade á luz).
O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia recomenda que os pais acudan cos seus fillos aos establecementos de óptica, para que os pequenos se sometan a un exame visual, sobre todo a partir dos seis anos. Poderanse detectar problemas de visión comúns como a miopía, hipermetropía, astigmatismo ou ollo vago e tamén avaliar a capacidade de comprensión lectora.
A SAÚDE VISUAL DOS NENOS ESTÁ A EMPEORAR
En España, o 56,3% dos nenos podería ter un problema visual pero só una de cada 10 familias sospeita que o menor pode ter un mal estado de saúde visual. Se en 2016 un de cada cinco nenos tiña unha visión de lonxe inferior á normal (18,8%), en 2019 a cifra ascende a un de cada catro. En canto á visión de preto, tamén se incrementou a incidencia, pasando do 5,3% en 2016 ao 9,9% en 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.