Por E.P. | CORUÑA, A | 24/08/2020 | Actualizada ás 14:46
O concelleiro da Coruña de Turismo, Juan Ignacio Borrego, propuxo a creación dunha mesa institucional sobre o aeroporto de Alvedro, segundo informa o goberno local tras suspender Vueling a conexión con Londres.
O edil reuniuse este luns co comité de empresa de Alvedro para analizar a situación actual do aeroporto e abordar "as actuacións que levarán a cabo para garantir o seu futuro". Tras a reunión, Borrego avoga por reunir o Consorcio de Turismo, do que forman parte o concello, a Cámara de Comercio e a Autoridade Portuaria, para propor a creación dunha mesa institucional e social "que analice as posibles accións que se van a tomar no aeroporto".
O concello espera que interveñan os sectores empresariais, turísticos e institucionais da cidade, así como os diferentes concellos da comarca da Coruña. "O obxectivo é adiantarse á normalidade, é dicir, que unha vez superada a crise sanitaria o aeroporto opere con total normalidade e potenciar novas rutas que fomenten a cidade da Coruña como destino de referencia no noroeste peninsular e para mellorar a situación do aeródromo".
CONTRATO CON VUELING
Durante a reunión, o concelleiro explicou ao comité "a situación contractual con Vueling e as posibles consecuencias da cancelación dos voos a Heathrow e tamén as negociacións levadas a cabo con outras compañías aéreas como Iberia ou Voloteapara impulsar novos destinos desde Alvedro".
"Estas conversacións xa se iniciaron no ano pasado, pero debido ás consecuencias causadas e á incerteza da pandemia da COVID-19 moitas destas accións tiveron que ser suspendidas temporalmente", explica o goberno local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.