Trinta e cinco anos despois do lanzamento dese éxito, neste inaudito 2020, o mundo enteiro entrou nunha fase de non tocarse. O motivo é a pandemia ocasionada polo virus denominado covid-19.
Todo cambiou. Prohibidos os abrazos e os bicos, prohibida a proximidade física e prohibido bailar, establécese o illamento social como medida de prevención ou curación. Digno dun pesadelo infernal, o tráxico reconto de persoas infectadas e de falecidos a causa desta emerxencia global é un recordatorio diario da necesidade dun sistema de conxelación.
Que poden facer os seres solitarios e románticos? Como se adaptan aqueles que compoñen na memoria un álbum de xestos de cariño como base da súa felicidade?
Non sabendo o tempo que resta da situación de perigo, como se poden recompoñer os progresivamente máis débiles lazos entre as parellas, os amigos, os familiares e os coñecidos? Será posible que gañen as pantallas e o mundo automatizado? Vencerán o coltán, o cristal, o metal e o plástico sobre a fibra sensible do ser humano?
A esperanza é que non, que un compendio de altas virtudes humanas – a intuición, a imaxinación, a investigación, a tenacidade, a solidariedade, a xenerosidade, a compaixón, a inocencia, a valentía, a paciencia e a tenrura – potenciadas, consigan unha nova epopea humana de superación para seguir adiante con determinación e boa ventura cara o futuro.