Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2020 | Actualizada ás 18:08
A área sanitaria de Santiago rexistra na capital galega un brote de COVID-19 que ascende a nove casos positivos, tras detectarse un inicial nas instalacións deportivas do Multiúsos Fontes do Sar. Os nove contaxiados non teñen relación con estas instalacións, senón que son persoas da contorna familiar e amistades do positivo.
A través dun comunicado feito público o pasado domingo, o Multiúsos informaba de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicáralles a detección dun caso de coronavirus "leve" nos seus centros, o que levou a pór en marcha un "protocolo de seguridade seguindo estritamente as indicacións dadas polas autoridades sanitarias".
Este martes, fontes da área sanitaria de Santiago e Barbanza informaron doutros nove contaxios asociados, pero que non teñen que ver co multiusos, tras efectuar os preceptivos labores de rastrexo aos contactos do positivo inicial.
Precisamente, este luns o Multiusos Fontes do Sar comunicaba a través de redes sociais que pola noite "unha empresa homologada" procedera á desinfección con biocida nos seus centros mediante a técnica de nebulización.
A raíz do primeiro positivo, e dado que as instalacións "están abertas e funcionando con normalidade", o complexo deportivo municipal decidiu restrinxir a nove os alumnos máximos de cada clase dirixida. A iso súmanse os xa habituais controis de temperatura, a distancia entre as máquinas e o uso de máscaras, biombos e alfombras viricidas, entre outras medidas.
A área sanitaria de Santiago e Barbanza converteuse na segunda, por detrás de Lugo, na que máis aumentaron os casos activos de COVID-19 nos últimos días. Segundo os datos deste martes, os contaxiados ascenden a 607, 25 máis que o luns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.