Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 12:51
A situación nos incendios que desde hai días queiman a provincia de Ourense mellorou, con varios dos lumes que consumiron centenares de hectáreas baixo control. Os alcaldes da zona miran o parte meteorolóxico coa esperanza de que as choivas previstas para a tarde deste mércores no sur ourensán axuden a apagar as chamas e baixen a temperatura do terreo para evitar que as chamas se reaviven.
Nun dos incendios máis graves da provincia --por extensión e lugar, ao afectar o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés--, a situación mellorou nas últimas horas, segundo relata a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, en conversación con Europa Press.
"En principio, está controlado. Están a facerse labores de vixilancia no perímetro para evitar que se reproduza", apuntou a rexedora na mañá deste mércores, xornada na que o vento na zona remitiu, o que axudou a que desde a tarde do martes a situación mellorase "de forma considerable".
"A ver se nos axudan as condicións meteorolóxicas, aínda que esperemos que non sexan choivas torrenciais", di María del Carmen Yáñez. Os traballos céntranse na Corga da Fecha, unha zona de orografía escarpada que dificulta as tarefas dos equipos de extinción.
RAIRIZ DE VEIGA
En Rairiz de Veiga tamén agardan que as precipitacións previstas para esta tarde terminen por evitar que se reaviven as chamas na zona do incendio. Alí, segundo a alcaldesa da localidade, Asunción Morgade, os equipos de extinción regan a zona desde última hora do martes, cando se deu por extinguido un incendio forestal que viviu "reactivacións" ao atoparse o terreo quente.
CHANDREXA DE QUEIXA
"Xa non nos fiamos das previsións", di o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, en relación ás predicións meteorolóxicas que apuntaban choivas nos últimos días que apenas se deixaron notar na zona.
O incendio declarado o domingo na parroquia de Queixa e que, segundo as últimas estimacións, queimou 500 hectáreas "está controlado", segundo apunta o rexedor, que sinala a existencia de "dous puntos con moito fume" onde se concentran os traballos de dous helicópteros nunha xornada que arrincou "con algo de vento, non moi forte" pero que podería incrementarse ao mediodía.
A MEZQUITA
Na Mezquita, onde un incendio na parroquia de Cádavos procedente de Zamora arrasou 450 hectáreas, o lume está "baixo control" aínda que Medio Rural no último parte ofrecido aos medios á primeira hora deste mércores manteno como activo.
En declaracións a Europa Press, o rexedor do municipio 'arraiano', Rafael Pérez, lamentou a falta de información continua sobre o estado do incendio por parte do departamento que encabeza José González, de quen, no entanto, recibiu unha chamada telefónica o pasado martes para emprazarse a celebrar unha reunión.
ALFONSO RUEDA
Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, expresou a súa preocupación pola situación que se vive en Galicia por mor dos incendios forestais e asegurou que unha "altísima porcentaxe" dos lumes son "provocados".
"Por desgraza, repítese todos os anos. Vemos incendios cando se anuncia que vai empezar o mal tempo, parece que os incendiarios tentan aproveitar eses días en que se anuncia que vai chover; focos que empezan de noite, incendios que son sempre en zonas agrestes cando non poden utilizarse medios aéreos...", explicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.