Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 22:25
Inicio de tempada accidentado para o Compos. A publicación nun chío da conta oficial da nova equipación do conxunto compostelán vén de levantar as críticas de asociacións pola conservación e protección do medio ambiente. A razón: que o patrocinador oficial do histórico club é a empresa propietaria dos terreos da Mina de Touro.
A publicación orixinal do Compos foi axiña respostada pola Asociación Aldea Viva, unha das plataformas en loita contra o proxecto mineiro da actual propietaria. No chío en resposta, a organización cargou contra o conxunto da capital por "facerlle un lavado de imaxe" á empresa.
A @SD_Compostela segue facéndolle un lavado de imaxe a unha empresa que hipotecou o presente e futuro da comarca de Compostela. E que por suposto non ten licencia social. Un negocio vergoñento que ensucia a imaxe dun club histórico #MinaTouroOPinoNon https://t.co/j8IWeQiDQY
— Non á mina de Touro. Asociación Aldea Viva (@minatouronon) September 15, 2020
A resposta de Aldea Viva foi rechouchiada por diversas plataformas de índole semellante, dende o grupo Mina Touro - O Pino NON á asociación Véspera de Nada, que loita por unha Galicia "sen petróleo" e Lugo Polo Clima ou Petón do Lobo. Xunto a estas participaron, ademais, mútiples tuiteiros a título persoal.
Para quen non saiba, Cobre San Rafael é a actual propietaria dos terreos da mina de Touro, agora participada por Atalaya Mining para recuperar a extracción de cobre e prata, contaminando a contorna e obrigando aos vecindarios próximos á desaparición. https://t.co/RkIetXPzts
— HenriqueLijó (@gedit_lijo) September 16, 2020
As réplicas á publicación, emitida na tarde do martes, aínda non recibiron ningún tipo de resposta por parte do clube, que nesta tempada entrante compartirá categoría co Dépor, co que se enfrontará no Vero Boquete de San Lázaro na segunda xornada de Liga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.