Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2020 | Actualizada ás 11:15
As instalacións de Navantia Fene acollerán desde este martes, 22 de setembro, os traballos para estibar a primeira das plataformas flotantes que o estaleiro de Perlío realizou para o proxecto 'Kinkardine', que se situará a 15 quilómetros da costa de Aberdeen, en Escocia.
Para iso xa está nun dos peiraos da antiga Astano o buque semisumerxible 'Fjord', que portará sobre a súa cuberta esta estrutura realizada grazas á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Navantia e a asturiana Windar Renovables, por encargo do grupo español Cobra.
Esta estrutura viaxará ata Róterdan (Holanda) e alí colocaráselle o fuste e un aeroxerador de 9,6 Megawatts (MW) da compañía Vestas, de orixe danesa. Posteriormente farase a mesma manobra coas outras tres estruturas flotantes.
CATRO UNIDADES
Das catro unidades que está previsto acometer nas instalacións de Fene tres delas están practicamente finalizadas, mentres que a última aínda se atopa nunha fase de execución de aproximadamente o 50%.
Unha vez entre en funcionamento este será o parque eólico flotante máis grande do mundo, cunha potencia de 50 MW.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.