"Enorme apoio social" á recollida de firmas para levar a iniciativa do Xabarín ó Parlamento

A Mesa anuncia que conta con "máis de 100 establecementos" en 43 Concellos para recoller sinaturas e agarda que sumar "moitos máis".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Continúan os pasos legais para levar ó Parlamento Galego a creación dunha canle infantil no seo da CRTVG. Logo da efervescencia vivida en Twitter arredor unha iniciativa dada a coñecer por Galicia Confidencial, a Mesa pola Normalización Lingüística decidiu avanzar cara a formalización do proxecto. Fixérono, primeiro, cunha recollida de firmas na web, que suma xa 14.000 apoios. 

Exterior do Parlamento de Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo
Exterior do Parlamento de Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo

O chanzo seguinte pasa por elevar ó Parlamento Galego a petición, onde podería arrincar o proceso legal para ampliar nunha licencia televisiva o abano da CRTVG e dedicala enteiramente á emisión de contidos infantís, como demanda a plataforma. Para chegar a esta instancia, o pasado xoves 17 a Mesa anunciou que dispoñería unha campaña de recollida de sinaturas que, a falta de ter comezado, xa recibiu un "enorme apoio social".

A recollida de sinaturas de cara á Iniciativa Popular Non de Lei diferénciase das campañas en change.org ou da desenvolta pola propia Mesa no feito de que existen moitos máis requerimentos legais para comprobar a validez das sinaturas. Por este motivo, para a recollida das mesmas precísase dunha rede de establecementos que se presten ó labor.

Menos dunha semana despois de arrincar a súa busca, a Mesa celebra que conta xa con máis de 100 puntos de recollida en 43 concellos das catro provincias, á parte dun número considerable de persoas "a título individual". "Agardamos que co comezo oficial da recollida de sinaturas se unan moitos máis", valora Marcos Maceiras, presidente da asociación.

4 MESES DE RECOLLIDA

O trámite de recollida comezará unha vez a Mesa do Parlamento acepte o trámite e a Xunta Electoral dea luz verde ó mesmo. Maceiras confía en superar estas dúas probas -"máis formais que de contido"- e pon a ollada no Parlamento. "Agardamos que sexa aprobada por unanimidade dos tres grupos", destaca, "xa que se trata dunha necesidade que temos como galegas e galegos, especialmente no tocante ó público mozo".

Neste aspecto, o presidente da Mesa subliña o feito de que Galicia está "moi por debaixo" doutros territorios que si contan cunha canle infantil propia, "incluso algúns que non teñen lingua propia máis alá do español", pondera. Neste aspecto, e a falta de contactos directos cos grupos políticos, Maceiras confía en recoller o número máximo de sinaturas para "visibilizar un apoio social enorme". O proceso de recollida, que agardan dará comezo na próxima semana, durará catro meses. "O mínimo son 2.500 sinaturas, pero agardamos contar con moitas máis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta