Por Galicia Confidencial | Ourense | 22/09/2020 | Actualizada ás 22:30
Negro, escuro, como se fora chocolate. Así baixa estes días o río Arnoia. As fotos son do seu pazo pola Ermida, en Vilar de Barrio. Unha imaxe que se repite noutros ríos e regatos dos concellos máis afectados polos incendios das últimas semanas en Ourense, especialmente, en Manzaneda, Vilariño de Conso, Entrimo, Lobios, Muíños, Chandreixa de Queixa ou Viana do Bolo.
E é unha imaxe que se repite cada vez que hai grandes incendios e logo fortes chuvias ou treboadas, como aconteceu nos últimos anos. Hai experiencia xa doutros anos. En 2017 o Arnoita tamén baixou negro tal e como se ve no vídeo. Entón, asociacións ecoloxistas insistiron na necesidade dunha rápida actuación sobre os leitos para evitar erosións. Entón non se fixo nada, como tampouco agora.
“É obriga das administracións públicas Lei de Montes, Lei de Augas... (Xunta de Galicia, Estado español...) priorizar traballos para minimizar danos”, di Xosé Santos Otero, axente forestal e membro da plataforma ecoloxista Amigas das Árbores.
Precisamente, esta entidade anuncia a organización dun obradoiro e actividade de "restauración ecosistema calcinado" este sábado 26 de setembro para traballar con barreiras feitas con vexetación para evitar a erosión nas cabeceiras dos ríos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.