Están as candorcas mudando o seu comportamento? Isto é o que se sabe tras os últimos incidentes en augas galegas

Até agora rexistráronse 27 interaccións destes grandes cetáceos con embarcacións na costa española e portuguesa –17 en Galicia (a última, este martes)–, nuns eventos que os expertos cualifican como “insólitos” pola súa concentración espazo-temporal. O Ministerio anuncia restricións temporais á navegación para veleiros de menos de 15 metros de eslora na "zona máis crítica". Biólogos mariños piden calma aos navegantes e evitar o sensacionalismo mediático. Unha nova achega científica do galego Gonzalo Mucientes documenta por primeira vez no Atlántico Norte o ataque de dúas candorcas a unha quenlla atrapada por un palangreiro, algo tamén inédito.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/09/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A aproximación de varias candorcas a embarcacións en augas de Galicia nos últimos días xerou certa alarma polas informacións publicadas nalgúns medios nas que se falaba de “ataques” destes cetáceos a veleiros. Nada máis lonxe da realidade, segundo biólogos mariños, que sitúan estas interaccións como parte dos xogos e aprendizaxe destes animais.

Candorcas
Candorcas | Fonte: CIRCE - Europa Press - Arquivo.

Este martes coñecíase un novo incidente coas candorcas en Galicia, despois de que Salvamento Marítimo tivese que remolcar unha embarcación á deriva tras un encontro con estes animais. En concreto, segundo informa Salvamento Marítimo, a embarcación Gautier sufriu "unha interacción" con candorcas mentres navegaba fronte ás costas galegas. O barco quedou sen temón e á deriva, polo que foi remolcado a Muros polo Salvamar Regulus.

O certo é que a presenza en augas de Galicia non é estraña, xa que se sabe que chegan atraídas polas súas presas para alimentarse e que non teñen intención de atacar aos humanos, senón de interactuar por curiosidade, aprendizaxe ou xogo.

Estes eventos en augas galegas son algo “insólito” do que non non hai precedentes no mundo pola súa alta concentración no espazo e no tempo

Con todo, os biólogos mariños recoñecen que este nivel de interaccións das candorcas coas embarcacións en augas galegas é algo “insólito” do que non constan precedentes no mundo pola súa alta concentración no espazo e no tempo.

Desde o mes de xullo detectáronse diversas interaccións das candorcas con veleiros: seis no Estreito de Xibraltar, posteriormente catro na costa portuguesa e logo en 17 ocasións diferentes, desde mediados de agosto, en Galicia, onde se rexistraron avistamentos ao longo da costa, algúns incluso nas praias. 

Os científicos diferenzan entre avistamentos e interaccións: os primeiros son simples observacións, mentres que as segundas, moi diversas, prodúcense co achegamento dos cetáceos ás embarcacións para establecer algún tipo de contacto.

Desde o 10 de agosto comezouse a rexistrar o paso de candorcas fronte á costa de Galicia: o 19 de agosto detectáronse un total de 13 exemplares distribuídos en tres grupos, facendo as interaccións con barcos só un deles. O seu paso pola costa galega rexistrouse a entre 2 e 6 millas de costa. E as primeiras interaccións con embarcacións producíronse o 30 de agosto, con dous barcos entre Ons e Corrubedo. 

Os barcos que foron obxecto das interaccións están a ser inspeccionados para comprender mellor como se produciron as interaccións e que tipo de contactos teñen lugar, en función das marcas atopadas ao redor do casco ou dalgún sinal de contacto físico dos animais coa estrutura das embarcacióms.

Para isto, creouse o O Grupo de Traballo Orcas Atlánticas, composto por expertos de España e Portugal en cetáceos, con gran coñecemento da casuística e o comportamento das candorcas.

Os biólogos cren que as interaccións prodúcense pola curiosidade de exemplares xuvenís pertencentes a un dos tres grupos de 13 candorcas identificados en Galicia 

Os científicos, que presentaron as súas primeiras conclusións este martes, están a analizar os casos en detalle e están en permanente contacto con SOS-Galicia, Salvamento Marítimo, o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta de Galicia, para recoller toda a información.

O grupo científico está composto por Alfredo López de UA-CESAM e Jose A.M. Cedeira da CEMMA; Cristina Martín de TURMARES e Ezequiel Andréu Cazalla da Asociación Garum Tarifa; Rocío Espada de Ecolocaliza e LBMarina da Universidade de Sevilla; Francisco Martinho de ECCO Ocean, Marisa Ferreira de SPVS e Ruth Esteban do Museu da Baleia da Madeira. Tamén está presente no grupo de traballo Elvira García Bellido, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Desafío Demográfico do Goberno de España.

A información empregada polos expertos baséase na base de datos proporcionada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) –con base en Nigrán–, con máis de 180 rexistros de varamentos e avistamentos das especies nas costas norte e oeste da península Ibérica. Ademais de máis de 60 avistamentos oportunistas de candorcas recollidas en toda a Península Ibérica recollidas por Ruth Esteban.

CAUSAS

Os expertos consideran que os feitos ocorridos desde xullo son “inéditos” e “inusuais” e “non se corresponden co comportamento habitual das candorcas”, polo que sospeitan dun “incidente involuntario, ou non, no que resultaron feridos polo menos dous exemplares de xuvenís na presenza dun veleiro” (desde agosto detectáronse polo menos dous exemplares no Estreito de Xibraltar con feridas graves en diferentes partes do seu corpo).

Polo momento, e aínda sen conclusións definitivas, consideran que “estas interaccións se deben a algúns exemplares novos que desenvolven a súa clásica interacción de comportamento curioso cara a unha interacción co contacto físico coa embarcación, que ás veces pode provocar a rotura do temón ou avarías”.

Os biólogos insisten en que estes sucesos se deben ao "comportamento curioso de exemplares novos". Con todo, admiten que aínda non existe unha "resposta clara" para este comportamento inédito e mantéñense moitas incógnitas que só se poderán resolver con máis datos e información. De aí a importancia de que aqueles que avisten ou vivan contactos con candorcas rexistren os eventos e informen ás autoridades.

No Estreito de Xibraltar producíronse seis interaccións similares antes e en augas de Portugal outras catro

Ruth Esteban, investigadora do Museu da Baleia, de Madeira (Portugal), explica que estes exemplares acostuman “achegarse pola popa e de forma silenciosa”. “Inspeccionan o barco, inician os contactos con partes móbiles, sobre todo o temón, facendo mesmo xirar as embarcacións mesmo até 180 graos”, como recordan que ocorreu nun caso, e son “máis insistentes cando ofrecen máis resistencia”, detallan os expertos.

Con todo, as incógnitas seguen sendo moitas, como recoñecen os científicos, que tampouco comprenden aínda por que están facendo a súa travesía máis lenta que outros anos fronte á costa galega: “Esta situación é nova para nós e para as candorcas”, din.

PRIMEIROS EVENTOS, NO ESTREITO DE XIBRALTAR

A bióloga Cristina Martín Bernal, experta en cetáceos en Turmares Tarifa, recorda que os primeiros rexistros de contactos de candorcas con veleiros en augas da península producíronse no Estreito de Xibraltar, entre o 20 de xullo e finais dese mes, rexistrándose seis interaccións, “unha leve, tres sen danos importantes e dúas que precisaron reparacións nas embarcacións por danos”.

Do total de rexistros da presenza da candorca nesta área, a maioría, un 65 %, foron avistamentos e un 35 %, interaccións con veleiros, das cales o 12% “foron graves”, indicou.

Segundo esta experta, “esta é a primeira vez que se rexistra este tipo de contacto no Estreito”.

A bióloga tamén recordou que desde 2015 rexistraron preto de 300 avistamentos de candorcas nesta zona, que é un dos seus “principais focos para a súa alimentación”, pero “sen indicios deses contactos até agora”.

En base á súa experiencia, apunta que estes contactos son “inusuais” e instou aos medios a “ter cautela e proporcionar información rigorosa”.

Pola súa banda, Francisco Martinho, fundador da empresa de investigación científica e turismo ECCO Ocean, explica que en Portugal tiveron constancia este verán de até catro interaccións de candorcas con embarcacións, nas zonas do Algarve e de Lisboa.

CASOS EN GALICIA

Sobre os eventos rexistrados en augas galegas e a presenza de candorcas aquí, Alfredo López, representante de CEMMA, aclara que en Galicia “se detecta o paso de candorcas unha vez ao ano”, nos meses estivais, principalmente en agosto.

“O sorprendente”, di, “foron as interaccións, por lo que iniciamos unha investigación”.

Impóñense restricións á navegación durante unha semana a veleiros de menos de 15 metros entre Cabo Prioriño e Estaca de Bares, a zona “máis crítica”

Desde o 10 agosto até este martes contabilizáranse, segundo datos da CEMMA, 29 contactos con candorcas, dos cales o 44 % (13) foron avistamentos e o 55,1 % (16) interaccións con veleiros; no 10,3% non houbo consecuencias para os barcos, no 24,1 % houbo consecuencias leves que non impediron a navegación e no 20,6 % dos casos houbo consecuencias de distinta consideración e que impediron a navegación. Agora, hai que engadir o último contacto, na tarde de hoxe.

Os biólogos identificaron en augas de Galicia até 13 exemplares de candorca pertencentes a tres grupos (ou mandas), pero “só un grupo interacciona”, sendo actualmente a zona entre Cabo Prioriño e Estaca de Bares a “máis crítica”, afirman.

Deses exemplares, polos rexistros gráficos dos que dispoñen, identificaron dous xuvenís con feridas que poderían ter sido os protagonistas destes achegamentos ás embarcacións. Aínda que os biólogos recoñecen que non poden confirmar a causa destas feridas, din ter dúas hipóteses: que fosen as propias candorcas as que se causaron esas feridas cando se achegaron aos veleiros nunha sorte de xogo, ou que se producise ao revés, por un impacto dun barco con elas que tería sido o detonante das interaccións.

En Galicia, a CEMMA está a recibir datos de avistamentos e realizáronse voos de prospección para a detección de cetáceos tanto por CEMMA como por Salvamento Marítimo, de rutina.

“Estamos en comunicación continua con Salvamento Marítimo e as autoridades para coordinar a atención aos casos de interacción”, sinalaron.

RESTRICIÓNS Á NAVEGACIÓN

Estes eventos terán impacto no tráfico mariño nos próximos días. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, mediante unha resolución emitida pola Capitanía de Ferrol da Dirección Xeral da Mariña Mercante, limitou a navegación aos barcos de vela de eslora igual ou inferior a 15 metros de eslora no espazo marítimo adxacente entre o Cabo Prioriño Grande e Punta de Estaca de Bares.

Segundo informa, trátase dunha medida cuxo obxecto é "previr novos encontros coas candorcas que, durante as últimas semanas, protagonizaron varios incidentes na zona costeira de Galicia nos que se viron involucradas embarcacións de vela, principalmente".

"Con todo, as embarcacións afectadas pola resolución poderán navegar de forma perpendicular á zona delimitada para acceder á zona costeira ou saír dela cara ao mar", aclara.

A medida, engade, adóptase "co obxectivo de garantir a integridade das persos e das propias candorcas, tras a solicitude realizada pola Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e  Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico". 

A candorca é unha especie catalogada en España como “vulnerable” e conta con “medidas de protección específicas”

As autoridades consideran que a medida é "proporcionada, obxectiva e non discriminatoria na salvagarda mutua da conservación da biodiversidade mariña e da seguridade da navegación".

"En principio, entrará en vigor esta noite, unha vez que se difunda como 'Aviso dos Navegantes' e prolongarase durante unha semana, aínda que non se descarta ampliar a medida a outras zonas, seguindo o roteiro migratorio das candorcas, un mamífero mariño de hábitos sociais que está de forma regular nas augas sometidas a xurisdición española desde o Estreito de Xibraltar, as costas Atlánticas do Golfo de Cádiz e de Galicia e o Mar Cantábrico", explica.

García Bellido lembrou que a candorca é unha especie catalogada en España como “vulnerable” e conta con “medidas de protección específicas”.

Ante os eventos rexistrados en augas galegas, recoñeceu que desde o seu departamento se puxeron en contacto coa Comisión Baleeira Internacional para “trasladarlles os feitos”. “Dixéronnos que non teñen constancia de feitos similares, de interaccións de candorcas con embarcacións tan persistentes nun rango de tempo e espazo tan concentrado; din que son feitos moi inusuais, polo que non hai un protocolo de actuación por isto”, explicou.

Outras accións tomadas desde o Ministerio foron enviar toda a información coa que se conta ás autoridades francesas, en previsión de que as candorcas protagonistas destes feitos se dirixan a augas daquel país, e enviar un avión de recoñecemento á zona para localizar e poder facer un seguimento a estas candorcas.

AVISO A MARIÑEIROS

Desde hai unhas semanas, Salvamento Marítimo emite avisos radiofónicos sobre o paso de candorcas en Galicia para evitar que os barcos fagan aproximacións que poidan desencadear a interacción dos cetáceos, ademais de facer recomendacións específicas durante as interaccións con cetáceos, como parar os motores e deixar o leme á vía, se é posible.

Así, como medida preventiva, as autoridades solicitan aos navegantes que cumpran o Real Decreto 1727/2007 de medidas de protección dos cetáceos, no que se indica que, en caso de encontro cun cetáceo mentres se navega, débese manter a navegación co mesmo rumbo e velocidade, sen realizar cambios bruscos nin tratar de aproximarse a menos de 60 metros do exemplar ou exemplares.

Desde o Grupo de Traballo Orcas do Atlántico confirman que co barco e o motor parados “na maior parte dos casos” cesou a interacción das candorcas, polo que consideran que é unha boa medida deter a embarcación, até que as candorcas perdan o o interese.

A iso, suman a recomendación de navegar fóra das once millas da costa e contactar con Salvamento Marítimo “se hai interacción”, ademais de “manter a calma”.

PRIMEIRO ATAQUE REXISTRADO A UNHA QUENLLA NO ATLÁNTICO NORTE

Neste contexto de espectacularización mediática e pesquisas biolóxicas, acaba de publicarse unha achega científica na revista Aquatic Mammals na que os seus autores, Gonzalo Mucientes e Adriana González Pestana, describen e tentan explicar o que definen como “o primeiro informe de depredación de quenllas por candorcas no Atlántico norte”, rexistrado o 18 de setembro de 2015.

Os investigadores contan cunha filmación (ver vídeo) que documenta o ataque de dúas candorcas a unha quenlla (Prionace glauca) atrapada no palangre de superficie dun pesqueiro, no Atlántico nororiental (35,37° Norte, 38,57° Oeste), a máis de 2.000 quilómetros do continente europeo.

Así o relatan: “Desde o barco de pesca observáronse dúas candorcas seguindo o palangre […]. Unha era un xuvenil e o outro probablemente era unha femia adulta ou un macho inmaturo, dado o tamaño da aleta dorsal (demasiado pequena para un macho adulto). As dúas candorcas achegáronse e atacaron unha quenlla azul enganchada. Durante este ataque, a quenlla axitouse de tal maneira que a súa aleta caudal envorcouse sobre a superficie da auga”.

Os investigadores apuntan que o evento aconteceu a uns 50 metros da embarcación e durante aproximadamente cinco minutos, e foi gravado cunha cámara dende o palangreiro.

O biólogo galego Gonzalo Mucientes publica datos doutro comportamento inédito das candorcas no Atlántico norte: o ataque a unha quenlla capturada por un palangreiro

“Non podemos suxerir que estas candorcas se alimenten regularmente de quenllas”, advirten Mucientes e González Pestana, que manexan a hipótese de que “estes individuos poderían ter aprendido a coller peixe capturado por humanos que pode non ser parte da súa dieta típica”.

Con todo, proseguen, “o feito de que estas candorcas apuntasen ao fígado, o cal é un comportamento de alimentación altamente selectivo que probablemente se aprende, suxire que estes individuos xa se alimentaron de quenllas antes”.

“Descoñecemos que as candorcas depreden habitualmente quenllas no medio natural, mais si coñeciamos que se producían interaccións coa pesca dos palangreiros aproveitando as presas que capturan no palangre (comportamento aprendido), por iso só aproveitan o fígado do escualo, dada a dispoñibilidade de peixe. Está é a primeira vez que se filma e se documenta cientificamente no Atlántico norte”, clarifica Mucientes.

O certo é que estes ataques de candorcas para devorar quenllas non son o normal, aínda que si se documentou en “moitos lugares diferentes do mundo, no océanos Pacífico, Atlántico e Antártico, e nos mares Mediterráneo e de Bering, que as candorcas aprenderon a coller peixes capturados con artes de pesca con palangre mentres se arrastran, principalmente atún e peixe espada”.

“A evidencia suxire que estas depredacións poden ser moi selectivas”, apuntan os investigadores, que lembran que os casos de predación de tiburóns por parte das candorcas “son raros, con só tres estudos previos en augas de Nova Zelandia, Sudáfrica e Uruguai”, publicados entre os anos 2000 e 2015.

Gonzalo Mucientes é biólogo mariño e actualmente pertence como investigador ao Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo e adscrito ao Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos de Portugal, ademais de colaborar coa Asociation Ecoloxía Azul – Blue Ecology. Adriana González Pestana é bióloga mariña adscrita a Pro Delphinus, organización peruana sen fíns de lucro dedicada á conservación da fauna mariña ameazada e en perigo de extinción.

PÓDESE FALAR DE ATAQUES A EMBARCACIÓNS?

A achega de Mucientes e González Pestana pode ser relevante para a comunidade científica para comprender mellor a estes superpredadores e posibles cambios de comportamento. Pero igual que hai rexistros en todo o mundo de candorcas que viron na pesca palangreira un banco de alimentación accesible, non se pode afirmar que estes grandes cetáceos ataquen embarcacións, xa que non hai rexistros de tales eventos.

Aínda que Mucientes é experto en tiburóns, como biólogo mariño considera tamén que as interaccións recentes destes animais con barcos en augas de Galicia poderían ser “xogos, ou quizais incluso probas de caza”.

“Os grupos de candorcas poderían sentir curiosidade e achegarse ás embarcacións que navegan a boa velocidade para tentar interaccionar coa parte móbil da embarcación, como farían nun evento de caza real, onde evitarían a fuxida do animal, deixando sen manobrabilidade a embarcación”, comentaba con cautela este luns, en conversa para este xornal. 

“Estas explicacións non son máis que meras posibilidades sen probas científicas de ningún tipo. Estaría ben recadar toda a información posible para que os expertos poidan analizar pormenorizadamente estes eventos”, expresa.

Biólogos desbotan que sexan ataques e cren que esas interaccións coas embarcacións se producen como xogos por curiosidade ou técnicas de aprendizaxe

O tamén biólogo mariño Bruno Díaz, director do Instituto BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute), no Grove, ten claro que “non se pode falar de ataques” das candorcas a esas embarcacións e lamenta “a bóla de neve sensacionalista que se xerou desde os medios”.

Díaz explicaba tamén este luns para GC que estas achegas das candorcas son “interaccións” e rexeitaba catalogalas como ataques, como se difundiu.

“Está claro que son interaccións particulares pola aproximación e o contacto físico coas embarcacións, pero non é nada sorprendente polo tipo de interaccións descritas”, as cales, ao igual que Mucientes, cre que poderían ser “xogos” ou comportamentos de “aprendizaxe” destes animais.

Tomando como referencia a información facilitada sobre eses sucesos e os datos espaciais e temporais dos eventos –de sur a norte–, o director do BDRI tamén cre que estes eventos puideron ser protagonizados “por un grupo ou certos individuos dun grupo que, ao detectar embarcacións en movemento, senten unha curiosidade que os levan a poñer en práctica xogos ou a practicar técnicas de caza, pero que non se poden considerar ataques”.

Díaz non obvia que polo gran tamaño destes cetáceos, “cunha forza física considerable”, o contacto físico coas embarcacións pode causar danos nas naves –como así aconteceu nalgún caso–, mais “non hai motivo para ter agora medo ás candorcas, que sempre estiveron aí e pasan fronte as nosas costas cada ano sen incidentes”.

O director do BDRI insiste en que “non se poden cualificar como ataques” estas interaccións das candorcas, unha especie “cunha capacidade sensorial moi desenvolvida que lles permite identificar as embarcacións e non van actuar como predadores contra estas”. “Falemos claro, as candorcas non son parvas e dicir que isto foron ataques é un erro tremendo polo feito de que un ataque é algo premeditado cun obxectivo. Deixémonos de películas e de sensacionalismo. Estamos a falar de animais salvaxes que poñen en práctica xogos no seu medio”, insiste o biólogo.

Para Díaz é importante saber actuar ante a presenza destes grandes cetáceos. Lembra que nun dos eventos rexistrados en augas galegas, “Salvamento Marítimo pediu aos tripulantes da embarcación arriar velas e parar o motor para deterse, e non houbo danos, porque o xogo rematara para as candorcas”.

“O que hai que facer nestas situacións é ser prudente e deter a embarcación, para que o seu comportamento non se vexa alterado pola nosa presenza”, engade, facendo unha comparación: “Se vou no coche polo monte e topo cunha manda de cabalos, non se me ocorre acelerar preto deles, porque talvez reaccionen e golpeen o coche, e non por iso imos falar de ataque de cabalos ou dicir que son agresivos cos humanos”.

En relación cos rexistros de capturas de presas dos palangreiros por parte das candorcas, Díaz desvincula estas novas técnicas dos sucesos acontecidos en Galicia. “A depredación das candorcas nos palangres é unha técnica normal coa que procuran comida fácil e non ten nada que ver con estes encontros fortuítos con embarcacións de vela”.

“Simplemente pensemos que en Galicia hai moitísimos máis barcos de pesca que de recreo, e non protagonizan encontros coma estes rexistrados nas últimas semanas con veleiros, malia que seguramente pasaron moitas veces preto de candorcas”, prosegue Díaz, quen insiste en falar de “encontros fortuítos”.

Ruth Esteban, doutora en Ciencias do Mar cunha tese centrada na poboación de orcas no sur da Península Ibérica e investigadora no Museo da Baleia da Madeira, é da mesma opinión. A experta do Grupo de Traballo Orcas Atlánticas lembra que as candorcas son vistas todos os anos alimentándose de atún vermello en augas da península en primavera e verán.

Estas, di, pertencen a unha “subpoboación cos seus parientes más achegados en augas de Canarias”, pero estarían “xenéticamente illadas” doutras poboacións do norte de Europa.

Os científicos piden non caer alarmismo e critican o sensacionalismo dalgúns medios que definiron estes eventos como ataques

Das cinco familias que identificaron na zona do Estreito, “dúas aprenderon un novo comportamento”, a interacción con palangreiros, dos que capturan presas. "Estan moi acostumadas á presenza de barcos, van entre eles agardando que capturen atúns para depredalos. Grazas a esta interacción consomen atúns máis grandes que os que adoitan capturar e non gastan tanta enerxía", explica a especialista, quen tamén destaca que estes novos comportamentos "favoreceron o benestar desas familias", cunha "maior supervivencia das crías".

Os expertos do Grupo de Traballo Orcas Atlánticas rexeitan tamén que estes sucesos se poidan interpretar como comportamentos agresivos das candorcas cara aos humanos. Para eles, non se pode falar de ataques, polo que insisten en pedir cautela e rigorosidade aos medios. “Parecen ser individuos xuvenís moi curiosos aos que lles gusta experimentar e semella que les chaman moito a atención os temóns dos veleiros”, volven subliñar.

DESCOÑECEMENTO E DESINFORMACIÓN

Bruno Díaz cre que “o descoñecemento que existe en xeral sobre estes animais contribúe a xerar confusión”, polo que pide “non alarmar” sobre unha especie que considera “estigmatizada”.

Igualmente, desde a CEMMA din “lamentar profundamente as cualificacións impostas por diversos medios que xulgan algúns feitos e o comportamento dos animais salvaxes pertencentes a unha especie protexida, sen o coñecemento suficiente da causa, falseando a realidade observada e á lixeira, sen abordar as consecuencias que isto pode ter en termos da percepción social”.

“Queremos denunciar o maltrato informativo que están sufrindo as candorcas por parte dalgúns medios de comunicación que ata puxeron nas nosas bocas palabras que non dixemos. Pídolles en xeral seriedade e profesionalidade no tratamento da información e presunción de inocencia para os cetáceos, xa que con seguridade eles son víctimas da nosa propia inconsciencia”, crítica Alfredo López.

Os biólogos da CEMMA salientan que “non se observou ningún comportamento agresivo das candorcas cara aos humanos en ningún lugar do mundo”. E volven recordar que algunhas das candorcas implicadas nas interaccións rexistradas en augas de Galicia “pertencen a unha subpoboación cun plan de conservación propio en España e que recentemente foi declarada «en perigo crítico» pola lista vermella de especies da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

“Ademais, como especie protexida polas leis nacionais e internacionais, non se pode causar dano intencionado a estes animais”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta