A Xunta impón ás orquestras a promoción do Xacobeo se queren acceder ás axudas para a reactivación do sector

Abre unha nova liña de axudas de 2 millóns de euros a dous anos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou un investimento de 2 millóns de euros a dous anos para apoiar a actividade das orquestras, segundo anunciou o seu titular, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021
Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021 | Fonte: Xunta.

Farao a través dunha liña de axudas para colaborar con estas empresas nos gastos dos eventos que desenvolvan en Galicia ou fóra, e que nas súas xiras e materiais promovan o Xacobeo 2021, tanto neste último trimestre como en 2021, para que se consolide "como un evento estratéxico" na reactivación "económica e emocional" de Galicia.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, valorando entre outras cuestións, o número de actuacións realizadas en Galicia e fóra dela o ano pasado por contratos ou o número de compoñentes do elenco artístico e non artístico da orquestra.

Así, sufragaranse gastos como o de aluguer de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas así como calquera outro gasto relativo no evento, e serán para actividades que se celebren entre o 1 de outubro de 2020 e o 31 de outubro de 2021.

Os beneficiarios promocionarán o Xacobeo 2021 nas súas xiras e concertos dentro e fóra de Galicia e contarán cunha serie de concertos polos distintos concellos. O sector suma en Galicia 250 empresas e dá emprego directo e indirecto a máis de 5.000 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xavolve

Pan e circo. Ninguén fala do elefante na habitación: o Xacobeo do PPdeG é unha aberración en todos os sentidos. Sigamos ríndolle a carísima broma ó narcopresidente... Xacobeo, Xacobeo, Xacobeo...