Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 22:20
"Pola forza". Así querería Atalaya Mining reabrir a polémica Mina de Touro-O Pino. É a denuncia que a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino non vén de subliñar nun comunicado nas últimas horas. Segundo explica a asociación, a compañía mineira -que explotara anteriormente o complexo- estaría a "insistir" no proxecto ante os seus investidores con vistas a retomalo.
O obxectivo semella, con todo, moi difícil. Sobre todo despois de que o pasado mes de febreiro a Xunta declarara ó complexo "ambientalmente insostible" nunha declaración de impacto ambiental que saíu negativa. Ante este aspecto, as intencións da promotora Cobre San Rafael -a empresa que realmente presentaría o proxecto- veñen de ser recibidas con rexeitamento por parte dos ecoloxistas.
Segundo apuntan no comunicado referido, a intención da empresa de reabrir a Mina de Touro tería quedado patente nunha reunión cos seus principais investidores. Na presentación publicada o pasado mes de setembro, a empresa "vende como enfoque estratéxico para o seu crecemento o 'compromiso de atopar unha solución para o desenvolvemento'" do chamado "Proxecto Touro".
Ante estas circunstancias, a plataforma ecoloxista non aclara se a iniciativa manifestada pola multinacional chipiriota incluíu xa algún tipo de contacto coa Xunta de Galicia, entidade que tería que aprobar ou denegar a obra en cuestión. En calqueira caso, a Asociación Veciñal quixo destacar o "rexeitamento maioritario da sociedade" civil a un proxecto que califican de "destrutor, devastador, desolador, catastrófico, ruinoso e desastroso".
DANO AMBIENTAL
O dano ambiental provocado pola actividade anterior de Cobre San Rafael na Mina seguiría presente, segundo a Asociación, no conxunto de terreos e augas da antiga mina. Esta, malia ser pechada hai máis de 30 anos, segue a xerar "graves prexuízos para o medio ambiente, especialmente para os ríos e regatos da contorna", puntualizan dende a plataforma.
En concreto, o cursos de auga estarían a xerar unha "drenaxe aceda" da mina de forma "continuidada", á parte dos cheiros "constantes" que os veciñso sofren dende hai décadas, segundo a Asociación. A plataforma veciñal lembra, neste aspecto, o informe emitido polo xeofísico Steven Emerman que "constataba a falta de seguridade das balsas de Cobre San Rafael".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.