Por Xesús Veiga | Compostela | 09/10/2020
Nun recente informe elaborado pola asociación Esculca, sinálanse acertadamente os despropósitos e as incongruencias da incriminación acusatoria. Mais concretamente, afirmase que “nos últimos tempos asistimos a unha progresiva expansión da noción de terrorismo alargando este conceito para condutas até o momento consideradas expresións dos dereitos e liberdades fundamentais”. E tamén se constata que “a definición de organización terrorista en particular, e as condutas típicas do conxunto dos delitos de terrorismo en xeral, son desposuídas da súa compoñente xurídica esencial, isto é, a conduta violenta, que non se configura como imprescindíbel do punto de vista penal”. É por iso que, segundo este relatorio, “actividades clásicas do confronto público e da disidencia política, tales como as mobilizacións e as manifestacións populares, os actos de propaganda política, etc., son cualificados, seguindo esta tese, como actividades de natureza terrorista mesmo sendo elas públicas, pacíficas e ao abrigo da legalidade vixente”.
Despois do remate do exercicio da violencia por parte de ETA no ano 2011, cabía agardar un lóxico proceso de reconversión das normas legais e das prácticas xurisdicionais vinculadas ás décadas precedentes. En troques de tal previsión revisionista, asistiuse, en moitas ocasións, a unha utilización inapropiada do “terrorismo” como imputación referencial en diversos procedementos desenvolvidos, na meirande parte dos casos, no ámbito da Audiencia Nacional.
Dende hai un tempo, o sector do poder xudicial mais identificado coas ideas conservadoras ven contribuíndo a que se faga realidade ese sumatorio perverso da politización -nun sentido partidista- da xustiza e da xudicialización da política. Son moitos os episodios que teñen rematado nas sedes xudiciais (conflito nacional en Cataluña, prácticas de corrupción vinculadas aos anos de hexemonía do PP en diversas institucións representativas...) pola existencia dunha vontade deliberada de que tal circunstancia ocorrera.
Non acadar o adecuado equilibrio entre os tres poderes fulcrais dun sistema democrático é o camiño mais curto para a perda de calidade e credibilidade da actual arquitectura constitucional.