Por E.P. | PONTEVEDRA | 14/10/2020 | Actualizada ás 16:18
O Comité de Dereitos e Garantías do Partido Popular nacional resolveu desestimar as alegacións que presentou o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e confirma así a súa expulsión do PP.
O Comité considera que Viéitez é autor de dúas infraccións "moi graves", por manifesta deslealdade cara o partido e por desobediencia ás instrucións dos órganos de goberno do partido.
A resolución do Comité de Dereitos e Garantías nacional engade que as instrucións e directrices dos órganos de dirección do PP de Pontevedra eran claras e queda acreditado, nas alegacións de Viéitez, que incumpre unha directriz encamiñada a preservar unha política provincial coordinada que vele polos intereses xerais.
O Partido Popular sostén que Carlos Viéitez recibiu unha serie de contraprestacións, entre elas a súa dedicación exclusiva como alcalde, a cambio de facilitar a presenza dun concelleiro do PSdG-PSOE de Meaño no pleno da Mancomunidade do Salnés, o que permitiu que a entidade comarcal pasase a mans socialistas.
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, sinalou que o PP conta cuns estatutos claros e comúns para todos os seus cargos e militantes. E lembrou que un principio básico do partido é non votar contra os teus propios compañeiros nos órganos de goberno. "Cando se incumpren estes principios, pasan estas cousas. Non se pode diferenciar entre militantes de primeira e de segunda", remarcou Rueda.
O presidente provincial indicou que Carlos Viéitez presentou as súas alegacións "e finalmente Madrid resolveu, ratificando o que xa dixo o comité de dereitos e garantías do PPdeG, a súa expulsión do PP".
Con todo, engadiu Rueda, "o PP segue moi presente en Meaño, cunha xestora que está a traballar desde hai un ano", á vez que puxo en valor o importante resultado que os populares conseguiron neste concello nas eleccións autonómicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.