Por Europa Press / Redacción | Pontedeume | 15/10/2020 | Actualizada ás 13:41
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández (PSOE), denunciou ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta e ante o Ministerio de Transición Ecolóxica a contaminación que padece o río Eume, cuxo estado de turbidez obrigou ao municipio a decretar o pasado día 10 a prohibición do consumo da auga por parte da poboación --que aínda segue vixente--. Estas denuncias veñen sumarse á petición da apertura dunha investigación por parte de Augas de Galicia, organismo da Xunta.
Segundo o rexedor socialista, o obxectivo destas denuncias é "que se determine a orixe do estado que sofren as augas", pois tanto a Xunta como o Ministerio de Transición Ecolóxica "son os que teñen as competencias tanto sobre a conca do río, a calidade das súas augas, o control das verteduras, como no parque natural e nas autorizacións de explotación do encoro de Endesa".
No seu escrito o rexedor eumés tamén mostra a súa preocupación "polas posibles consecuencias que poida ter para os ecosistemas do río e o banco marisqueiro", mentres que o Concello se reserva que "se inicien ante os tribunais as accións legais oportunas".
COLECTIVO TERRA PONTEDEUME
Por outra banda, o Colectivo Terra Pontedeume presentou no rexistro do Concello unha instancia para que a administración local "solicite a Endesa, Viaqua e Augas de Galicia a publicación das análises de auga realizados desde o 28 de setembro", xornada na que se constataron os primeiros problemas coa turbieza das augas, ata "o día 10 de outubro", cando se decretou a prohibición do seu consumo para os veciños deste municipio.
Asegura esta organización ecoloxista que "os tratamentos físicos e químicos poden facilitar que a auga volva ser potable, pero o problema de fondo segue aí".
Inciden en que o río Eume "está contaminado e xa é un problema permanente de consecuencias imprevisibles", á vez que lamenta que ningunha das administracións "sinale ao principal culpable desta situación", pois "Endesa contaminou durante décadas con total impunidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.