Veciños de Teo acusan á empresa Toysal de pechar a estrada que vai á canteira de Casalonga

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos así como o alcalde de Teo e concelleiros da corporación, presentáronse no lugar a onde tamén se desprazou a Garda Civil.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Os feitos aconteceron o pasado día 19 de outubro pola mañá, cando veciños da área de Casalonga viron camións e pedras de grande tonelaxe cortando a estrada que comunicaba coa antiga canteira. Desta maneira, o alcalde de Teo, Rafa Sixto xunto coa concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus e o arquitecto municipal, tentaron facer retirar tanto vehículos como as pedras que pechaban a estrada. O alcalde alegaba que a empresa non tiña os permisos necesarios para facer este corte.

Canteira de Casalonga
Canteira de Casalonga | Fonte: Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

No lugar presentáronse efectivos da Garda Civil que, segundo a Plataforma Casalonga Limpa de Resiudos, impediron que os veciños se achegasen ao lugar. Despois de varias horas de contactos entre autoridades e empresa, Toysal retirou os materiais e camións acatando a autoridade local presente na antiga canteira.

Antes disto, os veciños agrupados na Plataforma apuntaron unha serie de “acontecementos” como a desaparición, “misteriosamente”, do sinal de limitación de tonelaxe, que foi reposta polo Concello. Ademais apareceu varias veces aberta a válvula de peche da auga da lagoa situada na canteira. Estes puntos foron denunciados a Auga de Galicia e á Policía Autonómica.

En vista de todos estes feitos, tanto representantes do Concello de Teo como da Plataforma, reuníronse este mércores coa Directora Xeral de Medio Ambiente, encontro programado con anterioridade aos últimos acontecementos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Acangas

Deste conto xa se sabía fai tempo, e aínda así, o 12 X, o PP obtivo unha aplastante vitoria (48,53% dos votos) no municipio de Teo. Somos adultos, non? Pois iso....