Denuncian que a Xunta permite a invasión de eucaliptos nun bosque do Xallas con protección especial

A Devesa de Anllares xa foi recortada a instancias da empresa Ferroatlántica en 2015.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Nova denuncia ecoloxista contra a política en materia ambiental da Xunta de Galicia. A derradeira voz crítica vén de xurdir da plataforma ADEGA, crítica coas "excusas de mal pagador" do Goberno de Feijóo no tocante á conservación da Devesa de Anllares, un bosque de ampla relevancia ecolóxica pero "en rápida degradación".

Devesa de Anllares, bosque atlántico invadido por eucaliptos
Devesa de Anllares, bosque atlántico invadido por eucaliptos | Fonte: ADEGA

Segundo explican dende a asociación, este espazo natural situado ao carón do río Xallas "leva décadas sufrindo as consecuencias do esquecemento intencionado das institucións", unha circunstancia que agora podería verse agravada pola "presión do eucalipto". De acordo con ADEGA, "novas plantacións de eucaliptos arrodean e penetran cara o corazón da Devesa", unha circunstancia ante a cal a Xunta se mostra pasiva.

O "desleixo" da administración, porén, viría xa de antes. Tal e como explican dende a plataforma, o que ata hai pouco era "un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa" leva anos sufrindo a "nefasta política de conservación da Xunta-". Malia figurar nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 de 2008 e 2012, a degradación do espazo seguiría adiante co beneplácito da Xunta.

RECORTADO POR FERROATLÁNTICA

O principal actor nesta degradación, porén, sería a produtora de metal Ferroatlántica, que en 2015 conseguiu destruír "milleiros de metros cadrados de carballeira e bosque" para modernizar "3 minicentrais" da súa explotación no Xallas. As obras levaron por diante hábitats de interese europeo con protección prioritaria, segundo a asociación.  Xa daquela, "un informe asinado por investigadores das tres universidades galegas denunciaba os impactos causados polas obras das minicentrais sobre os hábitats e as especies protexidas", explican. Con todo, "a Xunta fixo caso omiso da comunidade científica e permitíu a continuación das obras".

Este primeiro golpe ó corazón natural do Xallas veríase replicado agora polas novas plantacións de eucaliptos desenvoltas nos limiares do espazo protexido. Neste aspecto, dende a plataforma acusan á Xunta non querer involucrarse para impedir unha nova destrución ambiental. "O desleixo dunha administración faina cómplice da desfeita".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta