Os expertos alertan que a falta de ocio nocturno “pasará factura” á saúde dos adolescentes

Psicólogos galegos destacan que a limitación do contacto social podería impedir o “correcto desenvolvemento” da rapazada se se prolonga no tempo. Polo momento, xa provocou cadros de ansiedade e depresión. “Hai que estar atentos ós primeiros sinais para que non se agrave”, destacan.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Catro meses. Foi o que tardou o Goberno español en volver impoñer o estado de alarma que, dende o pasado sábado, se cerne de novo sobre as comunidades autónomas. Polo de agora, a restrición afecta tan só ó toque de queda entre as 11 da noite as seis da mañá; aínda que non se pode descartar un endurecemento das medidas. O Goberno de Sánchez manobra para garantir a excepcionalidade durante e meses e, quizais, seguir a estela de Francia, que dende o venres 30 volve estar confinada.

A falta de contacto en certos contextos podería 'truncar' o desenvolvemento psicolóxico da rapazada, segundo os expertos
A falta de contacto en certos contextos podería 'truncar' o desenvolvemento psicolóxico da rapazada, segundo os expertos | Fonte: Foto: EUROPA PRESS - Arquivo

O regreso ao estado de alarma abre dúas dúbidas no horizonte de incerteza que pende dende hai meses. A primeira é, evidentemente, o curso das medidas restritivas, que poderían rematar nun novo confinamento. A segunda, en consecuencia, son os efectos psicolóxicos deste posible regreso ó peche e o abandono da nova ‘normalidade’.

Os expertos coinciden en sinalar o confinamento da primavera como un fenómeno que puxo a proba a fortaleza mental de cada un. Non en balde, a Xunta tivo que implantar un servizo de atención psicolóxica por teléfono a poucas semanas de arrincar o peche. A demanda continuou unha vez rematado o confinamento, como dá proba a profesional de Xuntos Rocío Folgueira: “detecto, sobre todo, bastante persoas de entre 20 e 30 anos”, explica.

De acordo con Folgueira, o impacto psicolóxico deste segundo estado de alarma dependerá de como asumísemos o primeiro. “Importa moito o limiar de tolerancia da persoa e os recursos cos que conte”, explica. Na profesión hai consenso arredor da idea que transmite a psicóloga: “dependerá de como o enfoque cada persoa”, explica Ana María Núñez, Coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). Núñez fai fincapé en manter unha actitude positiva: “en persoas que o vivan como unha perda de liberdade podería chegar a supoñer cadros de ansiedade”, explica.

DESENVOLVEMENTO “TRUNCADO”

Neste circunstancia, os adolescentes son un dos grupos máis ameazados polos perigos psicolóxicos das restricións sociais. Estas poderían contar con distintos graos de incidencia: dende o malestar emocional máis común a cadros depresivos ou, en certos casos, problemas cognitivos por falta de contacto cos seus compañeiros.

'Poderían ter problemas para volver á vida normal', explica unha psicóloga
'Poderían ter problemas para volver á vida normal', explica unha psicóloga | Fonte: Foto: pixabay

Segundo explica a tamén psicóloga Lara López, psicóloga do grupo Xuntos, a adolescencia trátase dun período “crítico” para o desenvolvemento social das persoas. Este crecemento, porén, non pode xurdir enteiramente do contacto cos círculos familiares. “Nos adolescentes, os iguais -amigos, compañeiros- pasan a formar unha parte moi importante da súa vida”, explica. “Ademais de ser fonte de autoestima, permítenlles aprender a expresarse. Aprenden habilidades sociais con eles”.

A problemática xorde, pois, ante a perspectiva de que o contacto con estas persoas se vexa cortado. Aínda que, polo momento, o confinamento total non está nos plans do Goberno, o toque de queda xa estaría a incidir negativamente nesta cuestión, impedindo que os mozos teñan contacto en certos contextos. “Privalos desas relacións sociais pasaralles factura”, explica Ana María Núñez, que destaca: “este control de horarios impediralles desenvolverse totalmente, como faciamos antes”.

 

“Poden ter dificultades para volver á vida normal”

A psicóloga sinala que xa está a apreciar mostras desta ‘oxidación’ dos mecanismos de relación. “Pódese ver como, en certos casos, fáltanlles habilidades sociais porque se desacostuman: teñen dificultades para medir as quendas nunha conversa, ou non levantan a ollada para saudar pola rúa”, explica. “Esta diminución das relacións sociais menoscaba o desenvolvemento emocional e de identidade”, corrobora Folgueira, que considera “necesario” un tempo mínimo de contacto entre adolescentes. “Poden ter dificultades para volver á vida normal”, subliña.

As expertas consultadas por GC coinciden nos efectos negativos da falta de contacto, se ben matizan a importancia dos tempos. “Todo depende de canto duren as restricións”, subliña Lara López. “Canto menos se estendan menor perigo haberá desa perda de habilidades por non poder adestrar cos seus compañeiros”.

COMPORTAMENTOS DEPRESIVOS 

Aínda que os expertos cifran en “anos” o illamento necesario para a perda real de habilidades, tamén coinciden en sinalar que a falta de contacto pode ter consecuencias inmediatas “a nivel emocional”, segundo López. As psicólogas consultadas destacan que o encerro podería xerar un mal caldo de cultivo no que os adolescentes terano moito máis difícil á hora de xestionar os seus problemas.

“Hai que estar atentos ós primeiras sinais”

A problemática viría dada porque, ante esta situación, cabe a posibilidade de que os rapaces entren nunha espiral de retraemento depresivo. Ante estas circunstancias, Folgueira destaca a importancia de “estar atentos ós primeiros sinais no canto de deixalo agardar”

O primeiro síntoma deste decaemento, sinala, chegaría cando as persoas “deixan de facer actividades que antes lle resultaban agradables”, en particular as que teñen lugar no exterior. O perigo é que a situación se agrave e, di a psicóloga, os mozos e mozas “deixen de facer outras cousas dentro da casa, como falar coa familia, porque xa non están motivados”.

UNHA OPORTUNIDADE?

Neste contexto, as expertas subliñan o deporte como mellor solución para romper as dinámicas de pensamentos negativos. Dun xeito semellante, instan ós pais e nais a adoptar unha postura dialogante cos rapaces para abrirse a coñecer os seus problemas: “hai que fomentar a comunicación sen xulgalos dende o noso punto de vista, que temos moita máis experiencia”, destaca Francisco Mareque, profesor de Pedagoxía e Didáctica na USC.

Aínda que, evidentemente, o segundo Estado de Alarma supoñerá un reto para todas as franxas da idade, Mareque insiste en velo como unha oportunidade para impulsar a maduración da sociedade en conxunto. “Cada xeración enfrontou distintos retos. Os novos avós tiveron que vivir a gripe española e a Guerra Civil, e ao final foron os construtores da democracia. Hai que relativizar, non se pode ser tremendista”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 filhote

claro, claro .... farlopa pala tropa Si é que somos tontos !!!

5 Sivio

Como terapia, que os adolescentes pensen qeé ocio nocturno disfrutan os adolescentes que viven nun campo de refuxiados, pro exemplo.

4 andaque

eso es una falacia como una casa contacto social lo tienen en el instituto y por redes sociales los psicologos esos tipos que no quieren trabajar

3 Alienao

A depresión adolescente cúrase queimando contenedores e roubando nikis lacoste. Mao de santo, oes!

2 anonimo

Boeno, pero unha cousa é a " limitación de contacto social" e outra é outra dicir que é necesario que estén de farra toda a noite porque se non non teñen " contacto social"