Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 22:30
Este 3 de novembro conmemórase o 92 aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas, o xornalista e escritor, autor de Memorias dun neno labrego. Por isto, a Fundación Xosé Neira Vilas convida a calquera persoa que o desexe a subir fotos na súa casa, en librerías, bibliotecas ou calquera outro lugar dos libros do autor, co cancelo #3novdíadeneiravilas e a etiqueta @fundacionxoseneiravilas.
Ademais, na web e nas redes sociais da fundación vaise difundir unha conversa na que participará o crítico e investigador Armando Requeixo e o presidente da fundación, Fernando Redondo, coa recente gañadora do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, Diana Varela Puñal pola súa obra A conxura.
A autora galardoada xa conseguira outros recoñecementos como o Premio de Poesía Díaz Jácome por Afirmación en nove contos e o Premio de Poesía Uxío Novoneyra polo poema Fíos, ademais do Premio Estornela de Teatro -convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas- que gañou en 2012 pola obra Arlequino Viceversa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.